A ICC Week 2021 remata a súa sétima edición “consolidando á provincia como un territorio de referencia na comunidade creativa”

Así o afirmou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que no remate da Semana das Industrias Culturais e Creativas mantivo un encontro no Liceo con algúns dos twitchers, youtubers e xogadores máis populares de España, que acumulan decenas de milleiros de seguidores nas plataformas máis populares das redes sociais 

A Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense remata cun satisfactorio balance, tanto pola presenza de público nas diferentes actividades, máis dunha vintena, como na calidade e interese das charlas programadas, adiantando a organización a posibilidade de recuperar para a edición de 2022 as datas habituais de celebración do evento, no mes de abri. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A sétima edición da ICC Week chegou hoxe ao seu remate logo de cinco días de intensa actividade e cunha vintena de eventos espallados por diferentes puntos da xeografía ourensá, “consolidando á provincia como un territorio de referencia na comunidade creativa”, dixo o presidente da Deputación, Manuel Baltar, tras facer balance co equipo técnico y artístico dirixido por Aurelio Gómez Villar e Juan Rivas, respectivamente, dun encontro no que se deron cita expertos, emprendedoras e profesionais da creatividade para debater, analizar e gozar coas propostas culturais e de lecer incluídas na programación. 

Unha desas propostas foi o E-Sports, que esta fin de semana reuniu na “Pista ICC Week” a algúns dos twitchers, youtubers e xogadores máis populares de España que acumulan a decenas de milleiros de seguidores nas plataformas máis populares das redes sociais. No Liceo de Ourense, Manuel Baltar mantivo un encontro cos invitados a esta actividade -Guillem Serna, Photoracertv, Gustingorriz, TheXocolateHD, Eka2310_, Javifabio, Stradi, Kadaras, e FonsoCN- onde intercambiou impresións sobre os simuladores de condución que estaban a probar os asistentes, así como sobre algúns dos videoxogos máis populares do momento, como Minecraft o Roblox, que teñen un importante compoñente creativo. Manuel Baltar tamén se interesou polo coche que conduce Guillem Serna que, ademais de ser streamer e gamer profesional, é piloto de rallies. A “Pista ICC Week” finalizou hoxe cunha charla sobre Galesports, a primeira asociación galega de deportes electrónicos. 

A Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense remata esta sétima edición cun satisfactorio balance, tanto pola presenza de público nas diferentes actividades, máis dunha vintena, como na calidade e interese das charlas programadas. Este ano recuperáronse os eventos con público, despois da especial edición do pasado ano, cunha resposta máis que positiva segundo destacou a organización, que adiantou a posibilidade de recuperar para a edición de 2022 as datas habituais de celebración do evento, no mes de abri. 

Coque Malla, que actuou por primeira vez tras a pandemia nun auditorio co aforo completo, e Santiago Auserón foron os protagonistas da programación musical desta edición con senllos concertos. Un dos mellores publicistas do mundo, Toni Segarra; o CEO da Mobile World Capital, Carlos Grau; o escritor Juan Manuel de Prada; a directora da Guía Repsol, Maria Ritter; e o director xeral de contidos de Telecinco e Mediaset España, Manuel Villanueva, entre outros invitados, participaron nas charlas e mesas redondas programadas nesta semana en Muiños, onde se atopa a Dolmen da Casa da Moura, imaxe desta edición, A Rúa e o Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil.