Un abarrotado salón de plenos da Casa do Concello do Carballiño acolleu este mediodía o acto conmemorativo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. A concelleira de Igualdade, Silvia Baranda, deu lectura do manifesto institucional, no que recordou a importancia de concienciar á poboación de todas as idades para lograr a erradicación da violencia de xénero.
Á esta cita acudiron representantes dos colectivos sociais e centros de ensino da vila, e contou coa presenza do alcalde, Francisco Fumega, e integrantes do seu grupo de goberno, persoal do CIM (Centro de Información á Muller) e axentes da Policía Local e do posto principal da Garda Civil.
O acto, dirixido por Chus Otero, contou coa participación do alumnado dos centros educativos do Carballiño, así como con representantes de Cruz Vermella, Aspadisi, Asdifica e asociacións de mulleres. O acompañamento musical do acto correspondeu ao dúo Elos, composto por Marta Bravo e Sérgio Tannus, e á agrupación As Riscadeiras, grupo de canto e pandeireta do Centro Sociocomunitario do Carballiño.

















