A Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, pechou as portas da súa novena edición posicionada xa como unha das mellores citas do Norte de España e de Portugal. O medio centenar de expositores de 5 países que participaron nesta ocasión recibiron ao redor de 3.000 visitas (a falta de contabilizar as visitas de última hora desta tarde) ao longo de toda a fin de semana, sendo esta xornada de domingo a máis concorrida e superando os datos de visitas das últimas edicións.

Como é habitual, un dos momentos con maior presencia de público foi a gran poxa celebrada esta mañá ás 12.00h. Os visitantes, e tamén os propios expositores, puideron poxar por pezas únicas que tiñan un prezo de partida de 5 euros. A peza con maior poxa foi un reloxo de guarnición francés estilo Napoleon III de finais do século XIX que foi adxudicado por 75 euros, “un prezo moito menor do seu valor real, pero as poxas teñen esta vantaxe para o comprador”, explican desde Memoria Antiga, a Asociación de Anticuarios de Ourense que organiza esta cita coa colaboración de Expourense e o apoio da Deputación Provincial de Ourense.
Conclúe así a última feira de novembro en Expourense. A próxima cita do calendario será a celebración do VI Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte – Sportur Galicia que se celebrará os días 11 e 12 de decembro e supoñerá o arranque da tempada de pista de atletismo. Pero xa esta mesma semana, Expourense acollerá o Congreso “Ourense, Territorio Emprendedor 2025” os días 5 e 6 de decembro, un evento externo organizado por AEPA Ourense (Asociación Empresarial de Profesionais Autónomas e Autónomos de Ourense) que elixiu as instalacións do recinto feiral para organizar este encontro.

















