“Ribeiro Secreto” é unha proposta innovadora de turismo de proximidade que reúne, nun só produto, estancias en aloxamentos singulares do xeodestino Carballiño–Ribeiro e experiencias coidadosamente seleccionadas ligadas á paisaxe, ao viño e á cultura local. Froito dunha colaboración público–privada entre o Instituto Ourensán de Desenvolvemento (INORDE), a asociación Novo Rural e a axencia de viaxes personalizadas Mirabeles Lifestyle, esta iniciativa busca activar o rural ourensán e posicionar o Ribeiro como un destino auténtico, elegante e sostible.
A nova caixa de experiencias “Ribeiro Secreto” permite regalar escapadas que combinan aloxamento en casas rurais de pequena escala con roteiros polo río, visitas a viñedos, catas de viño e propostas gastronómicas de quilómetro cero. O deseño de marca, desenvolto polo estudo SondeOU, aposta por unha identidade orgánica e atemporal que transmite sofisticación, harmonía e conexión coa natureza do Ribeiro.
Con este lanzamento, Novo Rural reforza a cooperación co tecido empresarial local para crear produtos turísticos de alto valor engadido, mentres que Mirabeles Lifestyle achega a súa experiencia en deseño de viaxes personalizadas para converter cada escapada nunha experiencia coidada ao detalle. O obxectivo é desestacionalizar a demanda, alongar as estancias e atraer a un visitante que valore a paisaxe rural, o viño e a hospitalidade das pequenas casas do Ribeiro.
O lanzamento oficial de “Ribeiro Secreto” terá lugar en Ribadavia o vindeiro domingo, 7 de decembro, ás 12,00 horas, na carpa central de Establecementos Asociados do Ribeiro (EAR), no marco da feira de Nadal organizada por Artesanía de Galicia. Este acto de presentación, que contará coa presenza de representantes das entidades implicadas, incluirá un pequeno showroom de experiencias, co viño a gastronomía e os aloxamentos participantes como puntos de interese.

















