Luis Menor pide afrontar o gran reto da conservación dos valores da Ribeira Sacra, “sentando as bases dunha explotación turística sustentable”

O Centro de Inmersión Lingüístico dos Peares acolleu esta mañá unha reunión de traballo sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, na que participaron o presidente da Deputación, Luis Menor; o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez; o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o alcalde de Carballedo, Julio Carlos Yebra -Pimentel; e o coordinador da candidatura, Mario Crecente.

Coa presenza de alcaldes e representantes dos municipios que conforman a Ribeira Sacra, no encontro analizáronse os pasos da candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, tras a decisión unánime do Consello do Patrimonio Histórico de que sexa a proposta de España para a súa remisión á Unesco.

AVANTAR ACTIVIDADES

Menor agradeceu o “excelente traballo desenvolvido polos responsables desta candidatura”, permitindo así profundar no excepcional valor deste enclave único. Amosou tamén a súa confianza en que nesta ocasión acadarase o obxectivo, lembrando algúns dos pasos que se foron dando en firme. Precisamente, o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, sinalou que “a decisión tomada polo órgano de coordinación do Goberno e as comunidades autónomas é unha moi boa nova para Galicia porque sitúa a Ribeira Sacra de novo na fase final, pero temos por diante meses de moito traballo ata que en 2026 a proposta poida ser abordada no Comité do Patrimonio Mundial da Unesco”, engadiu.

A provincia de Ourense precisa destas oportunidades, argumentou pola súa banda o presidente provincial, sinalando que ter unha parte do territorio baixo a distinción de Patrimonio da Humanidade constituiría unha enorme vantaxe competitiva. “Teríamos a oportunidade de ofrecerlle ao visitante un atractivo de primeira orde que sumar, por exemplo, a recursos singulares da nosa terra como o termalismo. Un atractivo máis que poríamos á disposición do viaxeiro a pouco máis de dúas de Madrid grazas ao AVE, un medio do que aínda temos que explotar todas as súas potencialidades”.

Avanzou Luis Menor o gran reto a partires de agora: “Conservar eses valores naturais, culturais, sociais e patrimoniais que conforman a Ribeira Sacra. Un reto no que temos que traballar todas as administracións e entidades implicadas para sentar as bases dunha explotación turística sustentable que nos converterá nun destino máis forte e sólido fronte ás explotacións masivas”. Como segundo paso dese reto, o presidente provincial recalcou a necesidade de “darlle pulo á colaboración público-privada”.