O Concello do Carballiño colabora na primeira ‘Papanoelada Solidaria’ de coches e motos clásicas da comarca do Carballiño, organizada por Clásicos Irixo, Club Clásicos Arenteiro e Club Clásicos Dacón. O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da actividade, que busca axudar ás familiais máis vulnerables a desfrutar do Nadal a través da doazón de comida e mantas á Cruz Vermella e Cáritas Carballiño. O reto desta primeira edición, que se celebrará o domingo 21 de decembro, é alcanzar 200 quilos de comida non perecedoira e 100 mantas.
O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, puxo en valor esta iniciativa, “que permitirá que desfrutemos dos coches e motos clásicas, ademais de axudar ás persoas máis vulnerables”. Nesa liña, o edil recordou o importante traballo que levan a cabo Cruz Vermella e Cáritas durante todo o ano na inclusión e acompañamento das familias en risco de exclusión social. “As persoas que colaboren na Papanoelada sacando do garaxe as súas motos e coches clásicos deben recordar que as portas de Cáritas e Cruz Vermella están abertas todos os días do ano á colaboración cidadá”, apuntou.
O punto de encontro será a Praza da Veracruz, onde se recepcionará aos vehículos. “Desde as 10,00 ata as 11,45 horas estaremos recibindo aos vehículos e recollendo a comida e as mantas”, detallou Álvaro Núñez, de Clásicos Irixo. Cada participante debe aportar dous quilos de comida e unha manta, que serán entregados a Cruz Vermella e Cáritas. “Ás 12,00 iniciaremos o percorrido pola comarca para volver á Praza da Veracruz sobre ás 14,00 horas”, engadiu. Santiago Ruibal, do Club Clásicos Arenteiro. Óscar Crespo, do Club Clásicos Dacón, e Juan Estévez e Rosa González, de Cáritas Carballiño, tamén participaron na presentación.

















