O BNG de Pereiro de Aguiar pedirá explicacións pola tala de máis de 30 árbores na contorna do encoro de Cachamuíña

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Desde a Formación nacionalista sinalan que interpelarán ao Goberno Local mais tamén pedirán explicacións á Xunta de Galiza a través do Grupo parlamentar do BNG 

O Pereiro de Aguiar, 03 de decembro de 2025. Nos últimos días de novembro as veciñas, veciños, usuarias e usuarios habituais do espazo natural de Cachamuiña, atopáronse cunha imaxe desoladora. A tala masiva de máis de trinta piñeiros de grande porte, moitos deles con idades superiores aos 50 anos e situados na marxe esquerda do encoro do río Loña, xusto na contorna do carril-bici e da zona de lecer máis empregada pola cidadanía.

Segundo sinala o Portavoz do BNG no Concello do Pereiro de Aguiar Rubén García, “esta masa arbórea non era un simple conxunto de árbores. Constituía o último refuxio de sombra, frescura e beleza paisaxística nun dos poucos espazos verdes urbanos que sobreviven á presión urbanística e á contaminación térmica da comarca”.

Para García a masa arbórea talada “desempeñaba funcións ambientais fundamentais como eran a protección acústica fronte ao ruído da estrada C-536, a regulación microclimática, a retención de po e carbono, servía como refuxio de avifauna e pequenos mamíferos e, sobor de todo, configurábase como un elemento característica dunha paisaxe que forma parte do imaxinario colectivo das e dos ourensás”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

A xustificación oficial ofrecida pola Xunta de Galicia consiste en dicir que con esta actuación preténdese protexer a integridade dos ciclistas ante as raíces. Para o BNG a pretendida xustificación “carece do máis mínimo rigor técnico posto que as molestias que eventualmente puideran causar o levantamento das raíces podería resolverse con distintas solucións técnicas moito menos lesivas, alternativas que se aplican en númerosos carril-bicis, e que evitan arrasar co patrimonio arbóreo”. 

A Formación nacionalista tamén apunta ao propio Concello do Pereiro de Aguiar xa que segundo Rubén García, “non consta que houbese unha comunicación previa ou consulta nin ao Concello, nin a asociacións ecoloxistas nin aos colectivos veciñais, non constando tampouco a presentación de proxecto técnico, autorización ambiental ou expediente público que a xustifique”. 

No BNG xa adiantan que de confirmarse tales extremos, “estaríamos ante unha actuación arbitraria, carente de procedemento administrativo e, xa que logo, eventualmente ilegal. Advirten que solicitarán acceso ao expediente que amparou a tala a través do Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo ao tempo que solicitarán explicacións no propio Pleno do Concello de Pereiro de Aguiar.
 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------