O Concello de Ribadavia presentou o resultado final da actuación de mellora realizada no lavadoiro e fonte de Santo André, un espazo tradicional situado nun punto de especial interese patrimonial xunto á antiga reitoral —hoxe Museo do Viño— e a igrexa parroquial.
O alcalde, César Fernández, e a concelleira Yolanda Gómez visitaron o entorno xa renovado. Fernández destacou que “grazas á Axencia de Turismo de Galicia puidemos renovar o entorno do Lavadeiro de Santo André de Campo Redondo. Un investimento de preto de 40.000 euros que nos permitiu arranxar este entorno que estaba moi deteriorado e que, a partir de agora, os veciños de Santo André poderán desfrutar del, totalmente mellorado”.
A intervención, cun orzamento de 39.995,17 € e executada nun prazo dun mes, tivo como obxectivo eliminar os elementos que xeraban impacto visual —como as antigas chapas de fibrocemento, estruturas metálicas oxidadas ou pavimentos de formigón e aglomerado— e substituílos por solucións coherentes coa arquitectura tradicional.
Os traballos incluíron a retirada destes elementos, a execución dun novo pavimento que combina formigón fratasado e enlousado de granito moreno abuxardado, a restauración dos perpiaños da fonte e do lavadoiro e a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais. Todo o proceso desenvolveuse respectando as aliñacións e rasantes existentes e seguindo as recomendacións da Guía de Cor e Materiais de Galicia para garantir a integración paisaxística.
Esta mellora forma parte da liña municipal de recuperación do patrimonio e de dignificación dos espazos tradicionais de Ribadavia.
















