A campaña de lectura da Deputación xa xerou ao redor de 18.000 bonos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PRAZO PARA OBTELO E TROCALO POR LIBROS TERMINA O 20 DE DECEMBRO

  • Os libreiros da Agrupación Provincial animan a descargar o bono de lectura da campaña da Deputación
  • O vale de 20 euros para comprar libros, pódese solicitar aínda en libros.ourense.gal
  • Ata a data, xeráronse 18.000 bonos dos que 14.000 xa foron trocados por libros

Ourense, 5 de decembro, 2025_ A falta de 15 días para que termine o Plan Provincial de Lectura da Deputación de Ourense, as librerías integradas na agrupación provincial móstranse moi satisfeitas coa campaña e aplauden a iniciativa, que permite a mozos menores de 18 anos de toda a provincia obter un bono de 20 euros para gastar en libros.

Cun orzamento total de 350.000 euros por parte do goberno provincial, xa se trocaron bonos por importe de 235.000 euros. Ata a data, a Deputación xerou 18.000 bonos dos que 14.000 xa foron utilizados, polo que os libreiros da asociación animan, tanto ás persoas que xa descargaron o bono como ás non o teñen aínda, a que aproveiten os 15 días que restan de campaña para gastalo ou facerse cun, xa que dispoñen de fondos e tempo suficientes.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este Plan Provincial de Lectura, impulsado pola Deputación de Ourense, vai en sintonía coas finalidades da Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense: o fomento da lectura e da cultura, e o respaldo ao comercio local. A campaña, que continúa activa ata o 20 de decembro, facilita que os mozos da provincia adquiran libros en librerías adheridas mediante vales trocables, reforzando así a actividade cultural e económica do sector.

O colectivo de libreiros valora moi positivamente esta iniciativa, que contribúe a achegar a lectura ás novas xeracións e a dinamizar as librerías de proximidade. A Agrupación de Libreiros realiza tamén desde hai anos actividades encamiñadas a este fin dinamizador, mediante a organización de conta contos, encontros literarios ou feiras do sector, que consolidaron ás librerías como espazos culturais de referencia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------