A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Noticias falsas: o poder das mentiras”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O carballiñés e ex-Fiscal Superior de Galicia Carlos Varela ofrece aos lectores de Badalnovas este artigo:

A principios deste ano, o Forum Económico Mundial publicou o Relatorio de Riscos Globais 2025, co ranking dos principais desafíos a ser enfrontados polo mundo nos planos económico, ambiental, xeopolítico, social e tecnolóxico.

O documento situou a «desinformación» como o maior perigo a curto prazo para a Humanidade. A conclusión foi alcanzada a partir das enquisas rexistradas en 2024 pola organización, por medio da pescuda Global Risks Percepción Survey (GRPS), que ouviu máis de 900 líderes internacionais dos sectores empresarial, gobernamental e científico, alén da propia sociedade civil.

A Comisión Europea, a partir do Plan de Acción contra a desinformación, aprobado en 2018, estableceu que a desinformación consiste en toda información «verificablemente falsa ou enganosa que se crea e difunde con ánimo de obter beneficios económicos ou para enganar intencionadamente o público, distorsionando así o debate público, minando a confianza dos cidadáns nas institucións e nos medios de comunicación e mesmamente desestabilizando procesos democráticos, tales como as eleccións.»

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ante a tendencia crecente da divulgación de narrativas falsas, cómpre dicir que a existencia de rumores, mentiras ou informacións fora de contexto como táctica política é ben antiga. Porén, a escala de divulgación das redes sociais elevou este problema a outro nivel ata o punto que se pode afirmar que a desinformación ten potencial para manipular procesos democráticos e influenciar eventos políticos e sociais.

O pensador italiano Umberto Eco advertía nunha entrevista: «Internet é un gran instrumento, pero non filtra. Produce un exceso de información e un exceso de desinformación.»

As grandes plataformas de internet (Google, Meta, X…) posúen acceso total aos datos persoais dos seus millóns de usuarios polo mundo, que teñen sido utilizados para intervir no rumbo político de moitos países. Eses datos son a materia prima máis valiosa para a definición de estratexias de propaganda que envolven a produción de contidos desinformativos a gran escala.

Sería inxenuo pensar que a desinformación é un problema exclusivo das plataformas dixitais. Poren, é nese modelo de negocio, baseado en algoritmos que converten o viral en diñeiro, onde ela se propaga deliberadamente. A diferencia do xornalismo tradicional, no cal o autor e o editor dos contidos son coñecidos, as redes sociais permiten manter o anonimato na produción de contidos e narrativas inveraces sen aparente responsabilidade.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


As plataformas non son neutras nin recursos meramente tecnolóxicos. Son actores sociais relevantes que precisan ser responsabilizados legalmente por viabilizar a propaganda e a diseminación de mentiras en tempo real é a gran velocidade, facendo do desorden informativo un negocio cada vez mais rentable. Este negocio afecta á capacidade das persoas para emitir voto consciente e baseado na realidade cando se trata de contextos electorais.

As estratexias de desinformación non só retorcen a realidade, tamén alimentan estereotipos e receos. Os inmigrantes son frecuentemente presentados como responsábeis polo aumento da criminalidade, pola sobrecarga dos sistemas sociais e pola concorrencia desleal no mercado de traballo. Tamén, o negacionismo científico rebate as numerosas evidencias que vinculan o cambio climático á acción humana. Tal instrumentalización política negativa fomenta sentimentos de xenofobia e intolerancia polarizando a sociedade verbo destes desafíos globais contemporáneos

A visión do lexislador europeo sobre esta problemática quedou plasmada no Regulamento de Servizos Dixitais (2022), coñecido como Digital Services Act (DSA no acrónimo anglo-saxonico). A proposta xa é norma xurídica de directa aplicación en toda a Unión Europea desde febreiro de 2024. A súa aprobación ten como finalidade establecer obrigas mais rigorosas para grandes plataformas en liña no combate a desinformación e na protección dos dereitos fundamentais.

En 2015, ao recibir o Premio da Comunicación na Universidade de Turín, Umberto Eco afirmou: «As redes sociais deron voz a lexións de idiotas que antes falaban só no bar despois dun vaso de viño, sen danar á colectividade. Agora teñen o mesmo dereito de palabra que un premio Nobel».

Esta frase resumía a súa preocupación central: dar credibilidade a todas as voces sen distinguir competencia, rigor ou autoridade.

Para o pensador piamontés, autor de novelas exitosas como O nome da rosa ou O péndulo de Foucault, a era dos idiotas rematará non cando os idiotas deixen de falar, senón cando deixemos de escoitalos. E deixaremos de escoitalos non porque os censuremos, senón porque teremos desarrollado o criterio para distinguir a información veraz da información falaz. Este criterio cultívase no compromiso diario coa verdade e a honestidade intelectual.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Outros artigos de Carlos Varela:

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Odio e intolerancia nas redes sociais dixitais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): ” Deepfake: unha tecnoloxía de riscos e desafíos legais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Eficacia da pulseira electrónica en incendiarios forestais “

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Incendios forestais: punición e reinserción”


Carlos Varela García :

  • Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. (promoción 1974-1979)
  • Ingresou, por oposición, na carreira Fiscal en maio de 1.985
  • Comezou seu exercicio profesional na Fiscalía de Vigo, onde foi Fiscal de protección de menores e de delitos económicos.
  • Fiscal Superior de Galicia desde xuño de 2004 a marzo de 2015
  • Na actualidade é fiscal no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

DISTINCIÓNS :

  • Premio Lois Peña Novo polo uso profesional do galego
    (2001)
  • Fillo adoptivo de Cangas do Morrazo (2009)
  • Premio Dolores Llopiz do Colexio Oficial de Psicólogos de
    Galicia (2010)
  • Premio Freire Carril da Asociación Agromadas de Seixalvo (2013)
  • Premio Cereixa de Ouro da parroquia viguesa de Beade
    (2013)
  • Premio Arenteira do Carballiño (2014)
  • Premio Agradecemento da Asociación Daravelo de Cangas
    (2019)

Esta é unha pequena relación de distincións. Cabe destacar a firme defensa do uso da lingua galega no ámbito xurídico e público levada a cabo por Carlos Varela durante o seu exercicio profesional. Esta postura, fundamentada no marco legal, foi recoñecida de forma expresa polo Tribunal Supremo, que no seu día felicitou ao entón Fiscal Superior de Galicia pola presentación dun recurso escrito en galego, valorando tanto a lexitimidade como o rigor xurídico do mesmo ( https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/09/28/span-langgl-tribunal-supremo-felicita-ao-fiscal-carlos-varela-recurso-escrito-galegospan/00031632848628980364346.htm )

Este feito non só subliña o seu compromiso cos dereitos lingüísticos e a identidade cultural de Galicia, senón que tamén evidencia un profundo coñecemento da legalidade vixente e unha destacable valentía profesional na defensa de principios fundamentais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------