Videoconferencia do Pleno Telemático da Deputación Ourense correspondente ó mes de abril de 2021. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Cesar Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Álvaro José Fernández López (Deputado PPOU); Consuelo Vispo Seara (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Miguel Antonio Cid Álvarez (Deputado PPOU); Rafael Rodríguez Villarino (Deputado PSOE); José Ignacio Gómez Pérez (Deputado PSOE); Elvira Lama Fernández (Deputado PSOE); Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE); Susana Rodríguez Estévez (Deputado PSOE); Rosario Rodríguez Delgado (Deputado PSOE); Margarita Pérez Fernández (Deputado PSOE); Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE); Aurentino Alonso Araujo (Deputado PSOE); Montserrat Lama Novoa (Grupo Mixto); Armando Ojea Bouzo (Deputado DO); Jose Miguel Caride Domínguez (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).

O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de abril, celebrado por vía telemática, aprobou hoxe solicitar que se reforce o financiamento do servizo público postal, claramente insuficiente na actualidade, no próximo Plan de Prestación a aprobar polo Consello de Ministros, de modo que se asegure un servizo de calidade e a cohesión social, económica e territorial.

Ademais se pide incluír a Correos -a maior empresa pública do país- na repartición dos Fondos para a Recuperación, Transformación e Resiliencia, para que xogue un papel crave na resposta que, como sociedade, debemos dar á crise sanitaria e económica provocada polo COVID; e se solicita a actualización e mantemento das oficinas auxiliares e das Unidades de Repartición existentes nas zonas rurais, craves na reversión da “España Baleirada”. É a única maneira –sinala o acordo- de contribuír a que aquelas áreas xeográficas de repartición deficitarias economicamente poidan gozar dun servizo postal en igualdade de condicións respecto da poboación dos grandes núcleos urbanos. 

Por outra banda, o pleno aprobou unha declaración institucional para a implantación o mestrado de Enxeñaría Aeronáutica no Campus de Ourense, o que permitiría dar continuidade e especialización ao itinerario formativo que realizan os estudantes do grao de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. 

Na sesión de hoxe aprobouse tamén un novo convenio de colaboración entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación de Ourense para o exercicio por parte da institución provincial de diversas funcións, entre elas a tramitación dos expedientes de alteracións de dominio e de orde físico e económico; a actualización das descricións catastrais dos inmobles; atención ao público; colaboración na difusión de información catastral; e notificacións. 

Ademais, o pleno aceptou as delegacións de competencias formuladas polo Concello de Pobra de Trives para a xestión de tributos, e polo Concello de Boborás para tramitar a expropiación de terreos destinados á construción do centro de saúde, así como a reversión aos seus propietarios de senllas parcelas sobrantes logo das obras realizadas nas estradas OU-0703 no Concello de Pobra de Trives e na OU-0502 en Coles. 

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes: 

Declaración institucional para a implantación do mestrado de Enxeñaría Aeronáutica no Campus de Ourense 

Dende o curso académico 2015/20216 a Universidade de Vigo, no seu Campus de Ourense, imparte o grao de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. O complemento lóxico a estes estudos de grao é o mestrado neste ámbito formativo, que permitiría dar continuidade e especialización ao itinerario que inician os estudantes do grao de Enxeñaría Aeronáutica. A necesidade de contar cun mestrado que permita complementar os estudos deste grao, é un clamor na sociedade ademais de ser unha medida fulcral para conseguir reter o talento dos estudantes que se forman no grao e que, a día de hoxe, vense na obriga de ter que completar a súa formación cursando o mestrado en universidades de fóra do sistema interuniversitario galego. Por todo isto, a Deputación de Ourense quere instar a todos os axentes implicados no seo do Sistema Interuniversitario Galego a que dean os pasos e poñan os mecanismos necesarios para que o Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica, que viría a complementar os estudos do grao, sexa unha realidade dentro da oferta formativa do Campus de Ourense á maior brevidade posible. 

Delegación da xestión de tributos 

Acordo: 

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello da Pobra de Trives a favor da Deputación Provincial, mediante acordo plenario de data 17 de marzo de 2021, para a xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva (Imposto sobre construcións, instalacións e obras -ICIO- só executiva), así como a revisión de actos de tributos e outros ingresos de dereito público. 

Convenio para a xestión catastral 

Acordo:  

Convenio de colaboración entre a Dirección Xeral do Catastro, a través da Xerencia Territorial do Catastro de Ourense, e a Deputación provincial de Ourense para o exercicio das seguintes funcións: tramitación dos expedientes de alteracións de dominio e de orde físico e económico; actualización das descricións catastrais dos inmobles; atención ao público; colaboración na difusión de información catastral; e notificacións. 

Modificación das bases de execución do orzamento xeral de 2021 

Acordo: 

1º.- Aprobar a modificación, no que se refire á especificación do capítulo VII de gastos, consistente nas seguintes variacións que non afectan cuantitativamente ao orzamento xeral de 2021: 

450.12/762.01 “Cooperación provincial. A Concellos subvencións” 

Beneficiario Finalidade Importe 
Concello de Cortegada Alugueiro para vestiarios provisionais no campo de fútbol para o ano 2021 15.000 € 

334.20/ 489.00  ” Actividades culturais e recreativas. Outras transferencias”   

Beneficiario Finalidade Importe 
Asociación Socio-cultural Amig@s da Romaría da Saínza Celebración da Festa da Saínza 2021 16.000 € 

450.12/762.01 ” Cooperación Provincial. A Concellos. Subvencións” 

Beneficiario Finalidade Importe 
Concello de Nogueira de Ramuín  Cofinanciación IDAE: Renovación de instalacións alumeado-iluminación LED 66.000 € 

2º.- Incóase expediente de transferencia de crédito entre as seguintes áreas de gasto: 

APLICACIÓN  QUE CEDE CRÉDITO APLICACIÓNS QUE RECIBEN  CRÉDITO 
Aplicación Importe Aplicación Importe 
450.12/226.09  Cooperación Provincial. Actividades culturais e recreativas 112.000 € 163.11/462.00. Limpeza viaria.  A Concellos 92.000 € 
241.11/462.07. Fomento de emprego, igualdade e benestar.  A Concellos. Plan de Empregabilidade 20.000 € 

Expropiación de terreos para o centro de saúde de Boborás 

Acordo: 

Aceptar a delegación de competencia formulada polo Concello de Boborás, para a tramitación do expediente expropiatorio da parcela con referencia catastral 32014A026001620000GP, necesaria para a construción do centro de saúde. 

Pobra de Trives e Coles. Reversión de terreos expropiados 

Acordo:  

Acordar a reversión da parcela sobrante descrita no plano do servizo de Vías e Obras (da estrada provincial “OU-0703 Trives-Chandrexa”, no Concello de Pobra de Trives, debendo este aboarlle á Deputación de Ourense o prezo xusto fixado no expediente expropiatorio tramitado no seu día.  

Acordar a reversión da parcela sobrante descrita no plano do servizo de Vías e Obras da estrada provincial “OU-0502 Toros-Os Peares”, no Concello de Coles, debendo este aboarlle á Deputación de Ourense o prezo xusto pagado pola administración expropiante. 

Servizos financeiros en Galicia 

Acordos: 

1.- Instar ao goberno central a desenvolver as mudanzas oportunas no ámbito da regulación do sector bancario para poñer freo ás consecuencias do aumento da concentración bancaria, do incumprimento das normas de competencia e do agravamento da exclusión financeira, concretamente para dar resposta á escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, incremento de comisións e reducións drásticas de oficinas e persoal. 

2.- Instar a Xunta de Galicia a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo, impulsando ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencia unha campaña colectiva de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos. 

3.- Expresar o apoio da Corporación Provincial ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego e dirixirse ás entidades bancarias da Provincia para demandar o mantemento dos servizos. 

4.- Trasladar este acordo ás direccións do Banco Santander, CaixaBank e BBVA para que reconsideren a súa decisión do peche de oficinas e manteña o servizos á súa clientela.

Soidade non desexada 

Acordos: 

1.- Instar a Xunta de Galicia a realizar, de xeito urxente, unha diagnose da soidade non desexada mediante estudos que reflictan esta realidade na provincia de Ourense. 

2.- Elaborar de xeito prioritario, en función dos resultados de dito estudio, un plan galego para a soidade non desexada. 

3.- Remitir o acordo plenario aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia. 

4.- Instar á Xunta de Galiza a impulsar, no seo do Observatorio galego de dinamización demográfica, a creación dun grupo de traballo específico para abordar a soidade non desexada en Galiza co obxectivo de recompilar, analizar e difundir información en relación a este fenómeno así como formular propostas e recomendacións ao respecto. 

5.- Instar á Xunta de Galiza a enviar ao Parlamento, á maior brevidade, a Estratexia Galega de Atención á Soidade non desexada para o seu debate e tramitación no Parlamento de acordo co previsto nos artigos 140 e 141 do Regulamento da Cámara. 

Defensa do servizo postal de Correos 

Acordos: 

1.- Reforzar o financiamento do servizo público postal, claramente insuficiente na actualidade, no próximo Plan de Prestación a aprobar polo Consello de Ministros, de modo que se asegure un servizo de calidade para o conxunto da cidadanía. Tamén para asegurar a cohesión social, económica e territorial. 

2.- Incluír a Correos, a maior empresa pública do noso país, na repartición dos Fondos para a Recuperación, Transformación e Resiliencia, para que xogue un papel crave na resposta que, como sociedade, debemos dar á crise sanitaria e económica provocada polo COVID. 

3.- Actualización e mantemento das Oficinas auxiliares (rurais) e Unidades de Repartición existentes nas zonas Rurais, craves na reversión da “España Baleirada”. É a única maneira de contribuír a que aquelas áreas xeográficas de repartición deficitarias economicamente poidan gozar dun Servizo Postal en igualdade de condicións respecto a a poboación dos grandes núcleos urbanos. 

4.- Reforzo da capilaridade de Correos ampliando o número de oficinas, unidades de repartición e centros de tratamento co fin de lograr o maior achegamento ao cidadán/a e lograr as condicións óptimas de accesibilidade marcadas pola Lei Postal e a Directiva Postal Europea. 

5.- Garantir a cobertura dos postos de traballo estruturais necesarios, na actualidade insuficientes, para garantir un servizo postal público de calidade con emprego e dereitos.  

6.- Instar o cumprimento dos parámetros de calidade determinados pola Lei Postal e o Regulamento que regula a prestación do Servizo Postal Universal, e en definitiva que se aborde de forma eficaz e eficiente o correcto e necesario desempeño da prestación dos servizos postais públicos, co obxectivo de asegurar a todos os cidadáns/as da provincia de Ourense a recepción da súa correspondencia, polo menos 5 días á semana como se atopa tamén establecido na Directiva Postal Europea. 

7.- Darase traslado deste acordo ao Goberno da nación e a todos os Grupos Parlamentarios do Congreso dos Deputados, á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e ao Ministerio de Facenda, co fin de que se volva a situar ao Correo público na axenda do Goberno para a Recuperación, Transformación e Resiliencia do noso país. 

8.- A Deputación de Ourense, en defensa do servizo postal público de Correos na provincia de Ourense, insta ao goberno do Estado español a derrogar o artigo 37, referido a contornos especias do Real Decreto 503/2007, 20 de abril, polo que se modifica o Real Decreto 1829/1999, 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais no desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais. Xa que de aplicarse este artigo tal como foi aprobado polo parlamento do Estado español, suporía a agrupación nun único punto de entrega (cada un no seu buzón) das cartas remitidas a cada núcleo de poboación. 

Microtoponimia na provincia de Ourense 

Acordo: 

Activar unha liña de axudas da Deputación de Ourense aos concellos da provincia para que poidan iniciar, en colaboración con entidades culturais, educativas ou sociais que consideren oportunas, actividades destinadas á recuperación, co maior detalle posible, da microtoponimia do seu territorio, e a posta a disposición desa información ás entidades públicas interesadas.