Presenza da comarca carballiñesa no mercado artesán de Ribadavia con ‘Terras de Boborás’ e ‘Nela Gourmet’ de Cea

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

https://www.facebook.com/share/v/1Ke1kNW15a

O mercado ‘Artesanía, Saber e Sabor’ que se veu desenvolvendo en Ribadavia dende o pasado venres, reuníu a 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira. Ademais, celebráronse obradoiros gratuítos para todos os públicos e cursos de formación especializada en artesanía vinculada ao Nadal e, como novidade, un espazo específico na Alameda onde os comercios de Ribadavia poderán ofrecer os seus produtos.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural contou con diversos espazos na Praza Maior para promocionar os produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de calidade diferenciada. En concreto, unha carpa na que estarán presentes 32 produtores de Artesanía Alimentaria e outro espazo dedicado a catas de viños coa participación de 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro, no que estivemos a falar con Alfredo Rodríguez, xerente de Adega Pousadoiro, ubicada no municipio de Castrelo de Miño.

E no noso percorrido pola Praza Maior atopamos dúas representacións senlleiras da produción artesán da comarca do Carballiño. A primeira, ‘Terras de Boborás’, unha aposta con seis anos de andaina pola produción de mel da man de Johny Trigás, de Cameixa (Boborás), e cuxa Dóce Bágoa foi recentemente galardoada co Premio de Bronce na categoría de Mel de Artesanía Alimentaria, na ‘XXIV Cata de Meles de Galicia’. A outra participación comarcal é a de ‘Nela Gourmet, unha empresa asentada no polígono industrial de San Cristovo de Cea, e adicada, según nos conta Silvia Garriga, á elaboración de marmeladas creativas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Unha cita á que non podía faltar o conselleiro de Comercio, Emprego e Emigración, José González, que visitou varios dos establecementos de Artesanía, Saber e Sabor e dos locais habilitados dentro do proxecto Vilas Vivas. No caso do mercado de Artesanía Alimentaria, trátase do primeiro que se celebrará este Nadal na nosa comunidade. Do 12 ao 14 de decembro terá lugar un en Ferrol e, do 19 ao 21, en Lugo co gallo de poñer de relevo o bo facer dos produtores galegos. Nese seno, actualmente o selo de Artesanía Alimentaria conta con 151 operadores que ofrecen unha ampla variedade de produtos para todos os gustos. Estes mercados alimentarios enmárcanse dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se promocionan os distintos indicativos cos que conta a comunidade, e ao cal no próximo ano se destinarán 10 M€, dous máis que neste 2025.

González destacou as sinerxías xeradas entre Vilas Vivas, a programación de Nadal do Concello e a ambientación comercial da vila, á que se suma este ano a presenza dun espazo específico para os establecementos de Ribadavia na Alameda, así como o embelecemento de locais históricos e a integración estética dalgúns negocios coa imaxe do proxecto.

‘Ribeiro Secreto’

Precisamente na Alameda, e acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o conselleiro asistíu onte á presentación de Ribeiro Secreto, unha nova caixa de experiencias e de aloxamento vinculada ao xeodestino Ribeiro–Carballiño. A iniciativa, froito da colaboración público–privada entre o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Novo Rural e Mirabeles Lifestyle, busca poñer en valor os aloxamentos da zona, a paisaxe vitivinícola e a gastronomía local, contribuíndo á atracción de visitantes. O conselleiro sinalou que proxectos como este exemplifican a importancia de xerar sinerxías e encaixan coa filosofía de Vilas Vivas, baseada nun modelo integral que procura aproveitar os produtos tractores de cada comarca e a colaboración entre todos os axentes implicados para impulsar o desenvolvemento local.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------