A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de máis de 428.000 euros para cooperación cos concellos en materia de infraestruturas e instalacións deportivas.
Por unha banda, ratificouse o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Ribadavia para cofinanciar a ampliación e reforma da planta baixa do centro deportivo municipal “O Consello”, mediante unha achega de 200.000 euros. No mesmo capítulo aprobouse unha subvención de 100.000 euros ao Concello do Carballiño para a mellora do acceso ao parque etnográfico; 30.000 euros para Allariz con motivo do Festival de Xardíns; case 48.300 euros a Viana do Bolo para acondicionamento de rúas en Vilardemilo; e 50.000 euros ao Concello de Cenlle para mellora de infraestruturas no núcleo de Pazos Ermos.
Doutra banda, a Xunta de Goberno resolveu a convocatoria de axudas para o programa EmprendOU en Feminino, aberta no pasado mes de agosto. En total, concedéronse dezaseis achegas por importe de 592 euros cada unha delas, equivalentes ao 50% do salario mínimo interprofesional. Os proxectos presentados polas emprendedoras a este programa desenvolveranse en oito concellos en actividades relacionadas con hostalería, servizos sanitarios, estética ou ensino. Destinado a mulleres que desexan poñer en marcha unha actividade profesional, o programa EmprendOU en Feminino ten como obxectivo contribuir a dar visibilidade ao emprendemento no medio rural.
















