Cinco películas rodadas en Ourense co patrocinio da Deputación, preseleccionadas na candidatura de mellor longametraxe nos XXI Premios Mestre Mateo

Para o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, “a preselección destas cinco películas, dun total de sete, vai máis aló dos números, pois significa que desde a Deputación de Ourense estanse apoiando producións de calidade”

Estes éxitos, xunto á consolidación do OUFF, a posta en marcha da Ourense Film Commission ou o taller para guionistas e produtores do audiovisual galego que acollerá Ourense en xuño contribúen a “liderar o posicionamento da provincia como un destino de calidade que dirixa cara o noso territorio todas as producións posibles”, afirma Manuel Baltar

AVANTAR ACTIVIDADES

As cintas preseleccionadas son A mazá de Ouro, dirixida por Jaime Chávarri; El Tirabeque, de Darío Autrán; Live is Life, de Dani de la Torre; O corpo aberto, de Ángeles Huerta; e O Home e o can, de Ángel de la Cruz

A primeira rolda de votacións pechou hoxe ás 14,00 horas. Os gañadores coñecerase na gala de entrega de premios que, enmarcada no acordo de colaboración entre a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual, celebrarase en Ourense o próximo 11 de marzo, presentada por dous ourensáns: a actriz Eva Fernández e o comunicador Rodrigo Varela

Ourense, 30 de xaneiro de 2023.- Cinco das sete películas preseleccionadas na categoría de Mellor Longametraxe na XXI edición dos Premios Mestre Mateo foron rodadas co patrocinio da Deputación de Ourense en distintas localizacións da provincia. A mazá de Ouro, dirixida por Jaime Chávarri; El Tirabeque, de Darío Autrán; Live is Life, de Dani de la Torre; O corpo aberto, de Ángeles Huerta; e O Home e o can, de Ángel de la Cruz, comparten espazo xunto con outras dúas cintas nunha categoría cuxo gañador se coñecerá na gala de entrega de premios que se celebrará en Ourense o próximo 11 de marzo, dentro do acordo de colaboración entre a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual. 

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, transmite os seus parabéns aos directores, produtores, artistas e equipos técnicos das películas seleccionadas, “que grazas ao decidido apoio da Deputación polo audiovisual, e nomeadamente pola produción galega, apostaron por rodar en Ourense e dar pulo á nosa estratexia para converter á provincia nun inmenso plató de cinema, o máis importante de Galicia”.

Para Manuel Baltar, “a elección destas cinco películas, dun total de sete, vai máis aló dos números, pois significa que desde a Deputación de Ourense estanse apoiando producións de calidade”. Unha liña de traballo que, lembrou, “xa tivo o seu reflexo nos Premios Goya de 2022, cos galardóns que conseguiron “Valentina”, como mellor filme de animación, e o ourensán Chechu Salgado, distinguido coma mellor actor revelación, e un dos membros do reparto da serie ‘Motel Valkirias’, en ambos casos co patrocinio da Deputación”.

Estes éxitos, xunto coa consolidación do OUFF, a posta en marcha hai case un ano da Ourense Film Commission ou o taller que se celebrará en Ourense no mes de xuño dirixido a guionistas e produtores da industria audiovisual galega, dentro do programa European Writers Club, contribúen según Manuel Baltar a “liderar o posicionamento da provincia como un destino de calidade que dirixa cara o noso territorio todas as producións posibles”.

Récord de participación na edición de 2023

A primeira rolda de votacións dos XXI Premios Mestre Mateo pechou este luns ás 14.00 horas cun récord de participación: 194 obras, case un 20 % máis que na pasada edición, e 489 profesionais que optarán por conseguir algún dos 26 galardóns que se entregarán na gala que a Academia Galega do Audiovisual –promotora destes premios- celebrará o próximo 11 de marzo no Auditorio municipal de Ourense, presentada por dous ourensáns: a actriz Eva Fernández e o comunicador Rodrigo Varela. Unha cita que suporá o regreso a Ourense dos Mestre Mateo despois da última gala celebrada na capital hai nove anos.

Xunto coas cinco películas xa citadas tamén compiten polo premio á mellor longametraxe Código Emperador, do gañador á mellor dirección en 2022, Jorge Coira; e Sofía Casanova, a obreira de pensamento, de Zara Ceballos, co-dirixida con Noelia Muíño.