Luis Menor destaca o talento universitario formado no Campus de Ourense na entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2025

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial felicitou ás gañadoras (Carmen Canal e Paula Viceiro, primeiro premio e áccesit en ADE; así como Pilar Aurora Araújo, primeiro premio en Turismo), e puxo tamén en valor “o papel esencial e compromiso” dos seus titores e titoras

Ourense, 9 de decembro de 2025.

A Deputación de Ourense participou hoxe no acto de entrega dos Premios aos Traballos de Fin de Grao José Manuel Pérez Canal, un certame que recoñece a excelencia académica do alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.

O presidente provincial destacou que esta iniciativa “non é só unha celebración do talento e do esforzo das novas xeracións, senón tamén unha mostra do enorme potencial que atesoura o Campus de Ourense e o papel fundamental que desempeña na dinamización económica e social da provincia”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O presidente quixo facer un recoñecemento expreso ás premiadas nesta edición: Carmen Canal Domínguez, primeiro premio en ADE; Paula Viceiro Diz, accésit en ADE; e Pilar Aurora Araújo, primeiro premio en Turismo.

Menor puxo en valor o traballo silencioso e constante que hai detrás de cada proxecto premiado, así como o papel esencial dos titores e titoras —Elena Gallego, Ana Isabel Gueimonde, Nuria Gallego e José Antonio Fraiz— “cuxo compromiso contribúe a formar os profesionais do futuro inmediato”.

Lembranza a José Manuel Pérez Canal

Tamén quixo expresar Luis Menor unha sentida lembranza ao empresario José Manuel Pérez Canal, resaltando o seu legado profesional e humano. “Foi un exemplo de liderado empresarial que segue inspirando ao noso tecido produtivo”, sinalou o presidente, subliñando a súa contribución decisiva ao desenvolvemento económico da provincia.

O presidente da Deputación destacou o papel da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo como “un dos grandes activos da provincia”, subliñando a súa capacidade para xerar coñecemento, atraer talento e impulsar innovación. “Grazas ao seu traballo, Ourense é hoxe unha provincia máis preparada, máis competitiva e máis aberta ao mundo”, afirmou.

Precisamente por elo, Luis Menor reiterou o compromiso da Deputación coa Universidade de Vigo e co Campus de Ourense, “cunha cooperación constante para a realización de accións do día a día”, lembrando como exemplo o convenio entre a Facultade e o Inorde  que ofrece bolsas remuneradas para facilitar a primeira experiencia laboral do alumnado. “O noso obxectivo é apoiar un campus vivo, conectado coa sociedade e capaz de atraer estudantes e profesionais, situando Ourense no mapa das provincias que apostan pola economía do coñecemento”, destacou o presidente, quen concluíu lembrando o lema da FCETOU: “Ilusión que move, futuro que medra”. “Non poderiamos estar máis de acordo”, subliñou o presidente, agradecendo o compromiso de toda a comunidade universitaria e felicitando de novo ás premiadas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------