Un investimento de 545.000 euros permite melloras na eficiencia enerxética do Pazo de Xustiza do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao edificio xudicial do Carballiño, para supervisar o estado das obras levadas a cabo neste inmoble para a optimización enerxética, ás que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinou máis de 545.000 euros para reducir o consumo eléctrico asociado ao uso das instalacións.

O delegado territorial, que estivo acompañado polo alcalde en funcións do Carballiño, José Castro, explicou que esta intervención, cofinanciada con Fondos Feder, consistirá na  colocación de luminarias LED con sistema de regulación autónomo e de 45 portas e xanelas de baixo rendemento térmico; na instalación dun sistema fotovoltaico para autoconsumo e de renovación de aire con recuperador de calor; e na substitución da actual caldeira de gasóleo por unha caldeira de biomasa alimentada con pellets. Nesta liña, tamén enmarcou estas actuacións no conxunto de proxectos de eficiencia enerxética nos que o Goberno galego está a traballar en case nunha decena de instalacións xudiciais de toda Galicia por importe de 6,8 millóns de euros.

Durante o percorrido polas estancias do edificio, Manuel Pardo enmarcou estas medidas de mellora da eficiencia enerxética como unha das principais prioridades do programa Galicia Feder 2021-2027, que alenta o sector público a servir como exemplo para diminuír o consumo de enerxía na loita contra o cambio climático. Neste senso subliñou que, dentro da na estratexia global para a mellora de infraestruturas xudiciais en Galicia, o Executivo autonómico leva a investir máis de 165 millóns de euros entre 2014 e 2026.

O representante do Goberno galego rematou destacando a aposta da Xunta por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que, de maneira progresiva, os edificios  xudiciais respondan á súa función, sendo máis seguros, accesibles, funcionais e confortables. Así, contribúese a ofrecer un servizo de calidade á cidadanía nunhas instalacións que respondan ás necesidades tanto das persoas usuarias como para os profesionais da administración de xustiza.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------