O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo un encontro coa veciñanza do Carballiño para trasladar a actividade do BNG nas Cortes do Estado e pór en valor as melloras conseguidas para o conxunto das galegas e galegos. No concreto, o deputado nacionalista exemplifica estes logros na rebaixa histórica das portaxes da AP-53 de até 75% e a suba progresiva das pensións, sobre todo das mínimas por riba do IPC, con grande importancia no Carballiño.
Durante o acto realizado polo Bloque Nacionalista Galego, o deputado nacionalista estivo acompañado da militante nacionalista, Pilar Bernárdez, que destacou o traballo “incansábel” e o “bo facer” da organización nacionalista nas Cortes do Estado: tanto no Congreso, con Néstor Rego como deputado; como no Senado, con Carme da Silva.

En contraposición a este traballo e á defensa dos intereses das galegas e dos galegos, Bernárdez denuncia a submisión dos partidos de obediencia estatal que “fan unha cousa aquí e a contraria en Madrid”, aínda que o seu voto “vaia en contra de mellorar a vida e o benestar da cidadanía do Carballiño e da Galiza no seu conxunto”.
Pola súa parte, o deputado nacionalista recorda as melloras conseguidas polo BNG, tanto as actuacións recollidas no Acordo de Investidura como as que –negociación a negociación- se foron introducindo nos Proxectos de Lei aprobados polas Cortes do Estado.
Do punto de vista do BNG, as rebaixas conseguidas para as persoas usuarias da AP-53 son “históricas” xa que, ademais de seren as primeiras nesta autoestrada, son descontos de até 75% do seu prezo. “Co BNG, Galiza gaña. Unha persoa usuaria da AP-53 que faga o traxecto O Carballiño-Santiago pasará de pagar 13,4€ a 3,35€ ao día” enfatiza Rego.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por outra banda, Néstor Rego destaca as medidas recollidas na Lei de Mobilidade Sustentábel conseguidas polo BNG. “Agora o Goberno ten a obriga de manter todas as paradas de transporte por estrada, de implantar novos servizos ferroviarios na Galiza, adaptados á realidade galega e –polo tanto- carballiñesa e -unha vez que finalice o estudo que está realizándose- de iniciar os servizos de proximidade ferroviaria” salienta Rego.
Ademais destas actuacións, impulsadas polo BNG, Rego lembra que a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, é un logro conseguido pola organización nacionalista que figura no Acordo de Investidura, “mais aínda hai que continuar traballando para chegar a 60% do Salario Medio”. Do mesmo xeito, reivindica a medida recollida no Acordo para o incremento dos permisos de paternidade e maternidade até 20 semanas, que se ben non está totalmente cumprido, xa se sitúan en 19 semanas.
















