O Concello do Carballiño vén de renovar os equipamentos técnicos do Auditorio Municipal Manuel María, un dos espazos culturais máis activos do municipio. A intervención supuxo un investimento de preto de 15.000 euros, dos que o goberno local aportou o 51,78% e a Xunta, o resto.
“Ano tras anos vimos realizando actuacións no Auditorio para mellorar a seguridade do propio edificio e tamén a dotación técnica, unha cuestión moi importante para as moitas compañías que seguen apostando polo Carballiño para realizar os seus espectáculos”, apunta Diego Fernández, concelleiro de Cultura. Nesa liña, o edil recorda que o espazo cultural acolle cada ano numerosas actuacións musicais, monólogos, obras de teatro e espectáculos infantís. “Temos citas de gran calidade, incluso estreas a nivel galego”, engadíu.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A intervención incluíu a motorización das varas de suspensión existentes, que permiten elevar e descender elementos escénicos e iluminación nos diferentes espectáculos. Grazas a este novo sistema, mellórase a eficiencia, seguridade e precisión no manexo de estruturas pesadas, evitando así a intervención manual dos traballadores do Auditorio e os traballos en altura e diminuíndo as posibilidades de caídas ou mal funcionamento. Ademais, os equipamentos instalados están deseñados para distribuír o peso de xeito uniforme e evitar sobrecargas, o que asegura o bo estado da estrutura.

















