A MIT 2020 de Ribadavia terá lugar entre o 17 e 27 de xullo en diferentes espazos ao aire libre

Será unha edición especial, moito máis centrada no teatro do estado español, especialmente
no galego, a través de estreas, coproducións e residencias artísticas. Tamén recollerá actividades relacionadas con diversos ámbitos do sector escénico, co mellor dos ánimos e con todo esforzo do equipo da MIT para axudar tamén á recuperación social e cultural que o país necesita. Ribadavia converterase no motor que dará aire a un sector cultural xa de por si feble, pero tamén será un aliciente para a economía, o turismo e comercio da comarca do Ribeiro.

VIDEO

AVANTAR ACTIVIDADES


A virtude que auditorio do Castelo sexa ao aire libre facilitará a aplicación das medidas
sanitarias que se esixan nese momento e o benestar do público, ademais de reforzar as actividades nas prazas e o programa SputMIT, con actividades no ámbito natural e por toda a fermosa paisaxe do Concello.

O programa Ruadavia estará reforzado igualmente e a parte internacional queda reducida á mínima expresión este ano por motivo da pandemia, pero a MIT seguirá conectada e traballando xa de cara ao futuro con proxectos tamén cara o exterior para seguir sendo a principal plataforma de proxección internacional do teatro galego.

Nos próximos días coñeceremos a imaxe desta 36ª edición e o programa completo darase a
coñecer a finais deste mes de xuño, nunha presentación que tamén será retransmitida en directo a través das canles oficiais do festival.