O PSOE de Leiro alerta da falla de mantemento dos pozos

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a “neglixencia continuada” do goberno local do PP deste concello ourensán cos pozos e tanques abandonados que salpican o municipio, a pesar das reiteradas advertencias dos socialistas sobre este problema ao longo dos últimos anos, segundo asegura a propia formación. O voceiro, Manuel Rodríguez, destaca que o alcalde e o seu goberno acumulan do que chaman inactividade ante un problema de seguridade pública que “xa debería ter sido arranxado hai moito tempo, poñendo medios e axudas efectivas para veciños e veciñas e non só mensaxes valeiras nas redes sociais”.

O seu portavoz asegurou que en 2018 xa rexistraron un escrito para que se tomasen medidas de carácter urxente con respecto aos pozos e tanques abandonados, pero afirma tamén que dous anos despois non fixeron absolutamente nada. Rodríguez insta, unha vez máis, ao concello a “actuar coa maior premura posible” e a “deixar de agocharse tras a propaganda”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Non basta con mensaxes nas redes sociais aludindo a responsabilidade colectiva, xa que o goberno local do PP ten o deber de actuar para garantir a seguridade de todos e todas”, advirte o seu potavoz. Os socialistas recordan que estes pozos ou tanques atópanse en moitos casos sen uso a causa do abandono das tarefas agrícolas e cubertos de maleza, o que supón un gran perigo para persoas ou animais, a non ser identificables.

O voceiro do PSdeG-PSOe insta novamente a goberno local de Leiro a “requirir” aos propietarios e propietarias a súa limpeza e sinalización “mediante un muro ou valo de protección cun mínimo de altura de dous metros”, e no caso dos pozos tamén demanda que “deberían cubrirse cun elemento de protección resistente para impedir calquera posibilidade de acceso ao seu interior, intencionado ou accidental”. “É fundamental actuar canto antes para evitar perigos para a vida ou a integridade das persoas e animais, especialmente no caso dos pozos situados nas proximidades de camiños ou leiras sen valado pechado”, advirten desde o grupo socialista.