Afundación divulga a figura e a obra de Castelao a través da itinerancia desta mostra, que visitou 35 concellos desde que, no 2020, arrancara o seu percorrido pola xeografía galega
No «Ano Castelao», a exposición visitou nove localidades galegas entre as que están Betanzos, Allariz, Porriño ou Sarria, entre outras
Ao longo destes 5 anos, máis de 25 500 persoas visitaron esta mostra que, enmarcada no programa solidario «Cultura por alimentos», conta cunha completa programación didáctica

29.12.2025. Afundación, a Obra Social de ABANCA, veu homenaxeando desde o ano 2020 o insigne intelectual e político rianxeiro coa mostra «Castelao grafista», conformada por fondos procedentes das coleccións ABANCA e Afundación e impulsada pola Fundación Torrente Ballester e incluída no programa «Corrente cultural», desenvolvida en colaboración con ABANCA e os diferentes concellos galegos. Un total de 35 municipios de toda Galicia desde os seus comezos, e nove localidades no «Ano Castelao», acolleron, ata o momento, unha exposición que visitaron máis de 25 500 persoas e que, ao longo de 2026 e 2027, seguirá itinerando pola xeografía galega grazas á continuidade do acordo entre Afundación e a Fundación Torrente Ballester. Como complemento a esta mostra, e co obxectivo de promover a educación e o coñecemento a través da cultura, a Obra Social de ABANCA desenvolveu un exhaustivo e atractivo programa didáctico deseñado para o alumnado a partir de 4.º de primaria asentado en dúas partes: unha visita comentada e unha proposta artística e de STEAM no obradoiro.
Enmarcada tamén na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais, a entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar esta exposición.
«Castelao grafista (facsímile)»
A mostra, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.

















