A Deputación reafirma o seu compromiso coa cultura tradicional na presentación do Anuario da Gaita

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou que esta edición número 39 “consolida ao Anuario da Gaita como a publicación de referencia para a investigación e divulgación da música popular en Galicia e en Europa”

O acto de presentación contou tamén coa participación do director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e do investigador asturiano Daniel García de la Cuesta

Ourense, 30 de decembro de 2025.

O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación do Anuario da Gaita 2024 (Nº 39), unha publicación editada pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense que continúa o seu labor de divulgación e salvagarda do patrimonio musical. No acto participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, así como o recoñecido investigador do Principado de Asturias, Daniel García de la Cuesta.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


César Fernández subliñou o valor desta publicación “que xa camiña cara ás catro décadas de vida, converténdose nunha peza imprescindible para entender a nosa identidade”. Fernández destacou o esforzo da institución provincial por manter viva a chama da música tradicional, “elemento clave para coñecer e preservar a nosa identidade cultural”, sinalando que o Anuario é “unha fiestra aberta á investigación rigorosa e á conexión cultural co resto de pobos da Península e de Europa”.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo debullou os contidos desta 39ª edición, que inclúe artigos sobre a iconografía da gaita en Lugo, estudos sobre a gaita romanesa (Cimpoi), e correspondencia inédita entre gaiteiros ancareses. “Este volume é un testemuño vivo da nosa memoria sonora e do diálogo constante entre xeracións de músicos”, afirmou Foxo, quen agradeceu a sensibilidade e cooperación constante da Deputación con esta publicación e coa Escola Provincial de Gaitas..

Investigación e música en directo

O acto contou coa presenza especial de Daniel García de la Cuesta, prestixioso investigador asturiano que colabora nesta edición e que puxo de relevo a irmandade cultural entre Asturias e Galicia a través dos instrumentos de vento e percusión. Tamén puxo de manifesto a importancia do Anuario da Gaita, definíndoo como “un faro que ilumina desde Ourense a internacionalidade da gaita”.

Como broche de ouro á presentación, García de la Cuesta ofreceu unha mostra-actuación de instrumentos tradicionais da Península Ibérica, onde expuxo explicacións técnicas e demostracións sonoras de diversas pezas históricas, moitas delas en perigo de desaparición, que o investigador recuperou a través dos seus traballos de campo.

Un contido de excelencia

O Anuario da Gaita nº 39 recolle, entre outros temas: investigacións sobre a gaita en Romanía por Fritz Schneider; crónicas do XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas; unha homenaxe aos 40 anos da Escola e Real Banda de Gaitas ao servizo da provincia de Ourense; e recensións sobre novidades editoriais e audiovisuais do ámbito tradicional do ano 2024.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------