O Carballiño estende a programación de Nadal e propón espectáculos de teatro, humor e maxia no mes de xaneiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este ano, o Concello do Carballiño estende a programación de Nadal durante o mes de xaneiro para que a veciñanza poda seguir desfrutando de actividades e propostas culturais para todos os gustos e idades. O humor, o teatro e a maxia serán os protagonistas das próximas semanas na vila. “Despois do éxito de participación nas actividades das semanas de Nadal, convidamos á poboación do Carballiño e do resto da provincia a que se acheguen á vila a desfrutar do que temos preparado para este mes”, apunta Diego Fernández, concelleiro de Cultura.

Hoxe, último día previo ao inicio do curso escolar tralo parón de Nadal, as familias poden divertirse na pista de xeo da Praza Roxa, activa desde o pasado día 31. O horario é de 11,00 a 13,30 horas e de 16,00 a 20,00 horas. A entrada, de balde, inclúe patíns.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A programación continúa o próximo mércores, día 14, coa obra “A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica”, de Tanxarina Títeres. Trátase da adaptación dunha novela de Carlos Labraña na que se combinan monicreques, narración e música, e se reflexiona sobre valores como a amizade ou o traballo en equipo. A actividade, impulsada desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, levarase a cabo no Auditorio Manuel María para o alumnado de Educación Primaria.

Xa o domingo 18 será a quenda do humorista Agustín Jiménez. O coñecido monologuista visita O Carballiño con “Generacional”, un espectáculo no que presenta con moito humor algunhas das diferencias actuais entre pais e fillos, desde o uso das redes sociais ata a música favorita. A cita terá lugar no Auditorio Municipal ás 19,00 horas. As entradas xa están á venda a través de giglon.com.

O Festival Máxico de San Juan Don Bosco porá o broche de ouro ao mes de xaneiro. A esperada cita, que cada ano congrega no Carballiño a centos de afeccionados á maxia, levarase a cabo os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro. Como é habitual, haberá obradoiros e actividades de maxia e ilusionismo para público infantil e adulto, ademais de galas e comidas de confraternización.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------