O cadro de persoal desenvolveu novas concentracións o luns diante de tendas de Carolina Herrera e Purificación García
Ourense, 7 de xaneiro de 2026.
A asemblea de persoas traballadoras da empresa Sociedad Textil Lonia de Ourense decidiu convocar dúas novas xornadas de folga os vindeiros días 14 e 15 de xaneiro para reclamar unhas condicións laborais dignas ante a proposta “insuficiente e indignante” da empresa. O cadro de persoal aproveitou a xornada de folga do luns día 5 -a primeira de 24 horas tras os paros parciais convocados anteriormente- para desenvolver novas mobilizacións diante de tendas de Carolina Herrera e Purificación García na cidade.
Estas accións reivindicativas chegan tras o fracaso da última negociación coa empresa para pactar salarios xustos e condicións de traballo dignas e acordáronse en asemblea en resposta á proposta empresa “que supón unha perda de poder adquisitivo para as persoas traballadoras e non dá resposta ás necesidades reais do cadro de persoa”l.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Dende a CIG-Ourense lembran que Textil Lonia ofreceu un plus de vinculación que se traduce no incremento dun 0,8% no salario base para o persoal que cumpra cinco anos na empresa (8,46 euros brutos ao mes), un 1% para o que cumpra 10 anos, un 1,5% para o que cumpra 15 anos e un 2,5% para o que cumpra 20 anos na empresa. O que ben sendo, para a categoría máis baixa e con salarios máis precarios (especialistas) un incremento mensual bruto de 8,46 euros (cinco anos de antigüidade), 10, 58 euros (10 anos de antigüidade), 15,87 euros (15 anos de antigüidade) e 26,46 euros (20 anos de antigüidade).
“Esta oferta salarial é un insulto, e por suposto está moi afastada dunha proposta xusta e digna, polo que provocou un profundo malestar entre o cadro de persoal”, lamenta a secretaria comarcal da CIG-Ourense, Xulia González. A responsábel sindical, que participa na mesa de negociación, denuncia a falta de vontade real da empresa para avanzar no recoñecemento do esforzo diario do persoal, clave para o prestixio e os beneficios das marcas que representa. “Non se pode falar de éxito empresarial mentres se precarizan as condicións laborais e se desprezan as reivindicacións básicas do colectivo”.

















