Ribadavia fixa as bases para o desfile de comparsas do Entroido 2026

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia vén de publicar as bases de participación no desfile de comparsas do Entroido 2026, que terá lugar o domingo 15 de febreiro. As comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 10 persoas, sen límite máximo de participantes. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 10 de febreiro e realizarase a través do correo electrónico culturaribadavia@gmail.com.

Na solicitude deberán constar os datos da persoa responsable do grupo, un teléfono de contacto, o nome da comparsa, o número de compoñentes e o número de conta bancaria. Así mesmo, será necesario indicar se a comparsa participará con carroza e se ten previsto subir ao palco instalado na Praza Maior para cantar ou ler coplas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O desfile comezará ás 17,00 horas, co punto de encontro fixado no IES O Ribeiro, e rematará na Praza Maior.

No apartado económico, o Concello establece unha axuda de 200 euros por comparsa, á que se poderá engadir unha contía de 150 euros no caso de presentar carroza e 100 euros máis por actuación no palco. Ademais, as comparsas recibirán unha subvención de 5 euros por cada participante no desfile, sempre ata esgotar o orzamento dispoñible.

Desde a organización destácase a importancia da participación das comparsas para manter viva unha das tradicións máis emblemáticas do Entroido de Ribadavia, e agradécese un ano máis o esforzo dos grupos que contribúen a consolidar esta celebración.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello de Ribadavia no teléfono 988 477 100 ou a través do correo electrónico culturaribadavia@gmail.com.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------