O BNG pide no Parlamento explicacións á Xunta sobre o informe da Fiscalía relativo á situación dos centros de maiores

 A Fiscalía de Galiza ven de presentar a Memoria de 2022 correspondente á actividade do Ministerio Público no noso país durante o exercicio 2021 e no que se destaca que, a diferenza das residencias de titularidade pública e minirresidencias, existen nos centros residenciais de titularidade privada ou de xestión privada, con puntuais excepcións motivadas pola profesionalidade e especialización da persoa encargada da dirección do centro, un número excesivamente elevado de deficiencias e incumprimentos contractuais, algo que afecta directamente á atención das e dos nosos maiores.

Segundo o deputado por Ourense e asinante da iniciativa Iago Tabarés, “o recollido no informe elaborado pola Fiscalía de Ourense permite dubidar da transparencia na xestión da Xunta de Galiza, da súa tolerancia fronte aos incumprimentos contractuais ou da mala xestión dos recursos públicos en determinados centros de maiores”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para Tabarés e o BNG, “do informe tamén se desprende que cabe a posibilidade de que a Xunta non lle comunicara á Fiscalía feitos que consideramos de extrema gravidade”. Na iniciativa, os nacionalistas lembran que no seu informe, a Fiscalía destaca o incumprimento no tocante ás ratios de persoal e que desde a Xunta “non se respostou ante estas graves manifestacións”.

Asemade, o deputado Tabarés sinala que “tamén se aprezan incumprimentos na alimentación, nos coidados e nas ratios de persoal sen que conste que o Executivo galego fixese absolutamente nada para corrixir tales deficiencias”.

No BNG consideran esencial a atención e os coidados ás persoas maiores, a transparencia e a persecución das irregularidades así coma o rigor e a eficiencia na xestión dos recursos públicos, motivos todos eles polos que desde a formación nacionalista están a rexistrar diferentes iniciativas solicitando que a Xunta de Galiza  informe ao Parlamento sobre as comunicacións remitidas á Fiscalía, sobre a ausencia de resposta ás comunicacións realizadas polo Ministerio Público así como polos procedementos e no seu caso sancións que se impuxeran por eventuais incumprimentos na atención en centros de maiores residenciais da provincia de Ourense.