O subdelegado do Goberno reúnese con colectivos do barrio de O Couto para fomentar a mellora da convivencia cidadá

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá unha reunión na que participaron representantes de diversas asociacións e colectivos do barrio de O Couto e do Corpo Nacional de Policía para fomentar a mellora da convivencia cidadá. Á xuntanza asistiron o comisario xefe provincial de Operacións, Eduardo Gutiérrez; o inspector xefe da Brigada de Seguridade Cidadá, José Manuel Barbero; e representantes da Asociación de Veciños de O Couto, da Asociación de Inmigrantes Senegaleses en Ourense, da Unión de Dominicanos de Ourense, da Asociación Ourensá-Venezolana Alma Llanera e do Colexio Oficial de Administradores de  Fincas de Galicia.

Durante o encontro, sinalouse que O Couto é un barrio que destaca pola súa heteroxeneidade e dinamismo e remarcouse que os datos de seguridade cidadá son semellantes aos de calquera outro barrio do concello de Ourense. Todos os presentes condenaron as actitudes xenófobas acontecidas no barrio nas pasadas semanas, subliñando que se trata de feitos puntuais.

AVANTAR ACTIVIDADES

O subdelegado do Goberno sinalou que un dos obxectivos acadados na reunión é o compromiso de todos os participantes de traballar conxuntamente para evitar este tipo de condutas, así como os comportamentos incívicos e delituosos, recalcando que este tipo de accións son responsabilidade exclusiva dos seus autores e non representan a todo un colectivo.

Pola súa banda, os representantes das asociacións de inmigrantes agradeceron o ofrecemento realizado polo presidente da Asociación de Veciños de O Couto para facer uso das súas instalacións como punto de encontro que fomente o diálogo social multicultural e a busca conxunta de solucións para abordar as distintas preocupacións existentes no barrio.

Así mesmo, Emilio González destacou que as forzas e corpos de seguridade continuarán realizando as labores de prevención de condutas delituosas e garantindo a seguridade no marco dunha convivencia pacífica e de respecto entre toda a veciñanza.

Por último, os representantes das distintas asociacións agradeceron ao subdelegado do Goberno e á Policía Nacional a convocatoria a esta reunión para abordar as inquedanzas dos residentes no barrio de O Couto.