O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE A XUNTA DE GALICIA BLOQUEOU A TRAMITACIÓN DO 95 % DOS ERTE DA PROVINCIA DURANTE O MES DE MARZO
AUDIO
As oficinas de emprego da Xunta recibiron ata o 27 de marzo 2.948 peticións de ERTE, das que só trasladaron aprobadas ó SEPE 151, deixando sen atender o 95 % durante ese período
Os socialistas critican o “vergoñento cinismo” e o “descaro propagandista” Feijóo quen “segue de campaña electoral en plena emerxencia sanitaria” sinalando a empregados públicos do SEPE
As oficinas de emprego da Xunta recibiron ata o 27 de marzo 2.948 peticións de ERTE, das que só trasladaron aprobadas ó SEPE 151, deixando sen atender o 95 % durante ese período
Os socialistas critican o “vergoñento cinismo” e o “descaro propagandista” Feijóo quen “segue de campaña electoral en plena emerxencia sanitaria” sinalando a empregados públicos do SEPE
O PSdeG-PSOE denuncia que a Xunta de Galicia bloqueou a tramitación do 95 % dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) da provincia durante o mes de marzo. Así, segundo os datos que veñen de coñecer os socialistas, as oficinas de Emprego recibiron 2.948 peticións de ERTE ata o 27 de marzo, das que só aprobaron e trasladaron 151 ó Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) ata o 31 de marzo. É dicir, as dependencias da administración galega só tramitaron o 5,12% dos ERTE solicitados, deixando sen atender case o 95% deles.
A tramitación dos ERTE comeza nas oficinas de emprego da Xunta, que os ten que aprobar primeiro, e conclúe nas do SEPE co recoñecemento da prestación económica. A 16 de abril de 2020 a autoridade laboral galega declaraba a existencia de 16.553 expedientes de persoas afectadas por ERTE en Ourense. Nesa data os servizos do SEPE na provincia xa tramitaran a prestación para 14.449 deles, detectando 2.091 con erros.
Ante estes feitos, o PSdeG-PSOE quere denunciar o “vergoñento cinismo” e o “descaro impertinente e propagandista” de Alberto Núñez Feijóo quen “segue de campaña electoral en plena emerxencia sanitaria”. “Feijóo laiouse ante os medios sobre como a xente estaba sen cobrar tendo aprobados os ERTE e preguntouse, sinalando ó Goberno central, cantas prestacións se aprobaran en Galicia cando a administración que dirixe estaba a bloquear trámites”, advirten. “Feijóo está desviando a súa propia incapacidade cara a un colectivo de empregados e empregadas do SEPE que, en realidade, están respondendo cunha dilixencia nunca antes vista”, destacan.
A estes miles de expedientes, hai que sumar outros tantos de traballadores e traballadoras non afectados por ERTE que solicitan prestacións directamente ó SEPE, así como outras funcións de información e asesoramento mediante telefóno ou internet. “O persoal do SEPE extremou a súa dilixencia para que as persoas cobren canto antes, amosando un compromiso indiscutible e merecente do recoñecemento da sociedade”, salientan antes de recordar o “inxente esforzo destes empregados e empregadas públicos que están a realizar xornadas de traballo maratonianas que se estenden a sábados, domingos e incluso noites”. “Transmitímoslles a nosa fonda admiración, gratitude e honra”, insisten. Segundo os datos ós que accedeu o PSdeG-PSOE, durante marzo, o tempo de demora na resolución de expedientes de prestacións no conxunto de España foi de 1,08 días, reducíndose a 0,64 ─medio día─ en Ourense.
“Instamos a Feijóo a que diga cal é o prazo medio de resolución no departamento máis áxil que teña na Xunta e o compare co SEPE”, afirman os socialistas antes de sinalar que “agraviar a quen traballa desta maneira tan dilixente é inxusto e indigno” porque “non cremos que Feijóo ignore a realidade pero o seu obxectivo político sempre pasou por enriba da verdade e nesta ocasión non ía ser menos”. “O dicionario da RAG recolle dúas acepcións para o cínico. Na primeira refírese a quen fala ou actúa con falta de pudor ou recato, e na segunda ao que minte con descaro”, conclúen para denunciar a actitude do presidente galego.