A Concellería de Educación ofrece á veciñanza os libros retirados no expurgo da Biblioteca Municipal

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A área de Educación do Concello do Carballiño pon este venres a disposición da poboación os libros retirados do fondo da Biblioteca Pública Municipal durante o expurgo levado a cabo desde o mes de outubro. Trátase da segunda e última oportunidade de particulares, asociacións, centros educativos, de estudos, agrupacións culturais e sociais de recoller aqueles volumes que poidan ser do seu interese.

“O expurgo é necesario para o bo funcionamento da Biblioteca e para garantir a calidade dos préstamos”, explica Lorena Castro, concelleira de Educación. O proceso inclúe o inventario e pre-catalogación básica de materiais, o rexistro documentado de baixas, a consulta institucional á Xunta se fora preciso pola Lei de Patrimonio Documental de Galicia e o tratamento final do material.

A veciñanza interesada pode achegarse á Biblioteca este venres, día 16, en horario de mañá, de 11,00 a 13,00 horas, e de tarde, de 17,00 a 20,00 horas. Cabe destacar que aqueles libros que sexan retirados non poderán ser devoltos con posterioridade. Entre os materiais, a poboación atopará enciclopedias, libros especializados ou novelas. Lorena Castro recorda que a retirada destes volumes responde a criterios “técnicos e de espazo”, ao mesmo tempo que permite modernizar o catálogo da Biblioteca.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------