O Concello do Carballiño vén de finalizar as obras de mellora das instalacións do pavillón polideportivo Paco Chao. A intervención, iniciada no último trimestre do 2025, contou cun investimento total de 135.258,10 euros procedentes do Plan CooperOU da Deputación de Ourense. “É unha das actuacións máis importantes realizadas durante o ano pasado no noso concello”, apuntou esta mañá José Castro, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, durante a recepción das obras.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, desprazouse ata as instalacións deportivas para coñecer de primeira man o resultado das melloras realizadas ao abeiro do Plan CooperOU promovido pola institución provincial, e estivo acompañado na súa visita polos concelleiros de Turismo e Industria, Manuel Dacal, e de Medio Rural, Miguel Fernández, e polas concelleiras de Educación, Lorena Castro, e Comercio e Emprego, Diana González, .
As obras incluíron a renovación íntegra da iluminación, o cambio de tubaxes e portas, o pintado do pavillón, o arranxo da pista interior e a modernización dos vestiarios. Cabe destacar que o Paco Chao é o recinto deportivo con meirande actividade do Carballiño, xa que acolle numerosas competicións e eventos deportivos de disciplinas como fútbol sala, patinaxe artística ou ximnasia rítmica, entre outras. “Estas obras non só melloran o espazo senón tamén a seguridade, comodidade e confort de deportistas e público”, sinala Castro.
Pola súa parte, o presidente provincial puxo en valor a colaboración institucional a través do Plan CooperOU. “O Carballiño é un concello moi dinámico, en constante crecemento e cunha proxección moi positiva, polo que as administracións temos que estar ao lado”, asegurou Luis Menor. En 2025, O Carballiño recibiu 457.000 euros dos fondos CooperOU, unha cantidade que este ano aumentará ata os 527.000 euros. “O noso obxectivo é seguir apostando pola mellora das instalacións deportivas, do rural, do Parque Municipal, das vías e infraestruturas do casco urbano…”, apuntou o tenente alcalde. En total, o Concello ten previstas para este 2026 nove obras a partir do financiamento do Plan CooperOU.

‘Caseta ‘do Peón Caminero’
Despois da visita ao Paco Chao, os representantes do goberno do Carballiño amosaron a Luis Menor a actuación levada a cabo na ‘Caseta do Peón Caminero’, outra das intervencións realizadas con fondos CooperOU durante 2025. Neste caso, José Castro deu conta das obras realizadas para mellorar a eficiencia climática do espazo, valoradas en 40.000 euros. Entre outras intervencións, cambiouse o tellado, arranxáronse os servizos e renovouse a aula principal. O obxectivo do goberno municipal é desenvolver as actividades dos obradoiros de emprego neste local, anexo ao Parque Municipal, e nun futuro poder utilizalo tamén para xestión da biomasa.
















