A Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro vén de presentar ante o Concello de Beade unha proposta a xeito de moción, dirixida ao alcalde, Fernando Taboada, na que se insta a negociar coa Xunta de Galicia un proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada OU-212, de titualridade autonómica e que enlaza co municipio de Avión.
Dende este colectivo apuntan que “o treito da estrada autonómica OU-212, comprendido entre a igrexa parroquial de Santa María de Beade (km 40) e aproximadamente 700 metros en dirección á localidade de Caldelas de Berán (ata arredor do km 39), constitúe na actualidade un trazado de paso habitual para peregrinos e camiñantes, ao coincidir co itinerario do Camiño da Geira e dos Arrieiros”. Engaden que “a inexistencia dun itinerario peonil alternativo neste tramo ten a súa orixe na construción da estrada, que interrompeu un sendeiro tradicional preexistente situado entre a marxe do río Caldelas e o trazado da actual vía autonómica, e non se habilitou marxe peonil, obrigando ás persoas usuarias a transitar pola propia beira da estrada”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O presidente da Asociación, Abdón Fernández, lembra que “desde 2017, incrementouse de forma sostida o tránsito de peregrinos, que en grupos numerosos (30-50 persoas) circulan pola marxe da estrada, aumentando o risco de accidentes” e indica que, según a Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, “no último ano expedironse arredor de 757 compostelas a peregrinos que realizaron o Camiño da Geira e dos Arrieiros”.
Por iste motivo, considera “urxente intervir no marxe dereito da estrada en sentido Beade–Caldelas de Berán mediante a execución dun sendeiro acondicionado por detrás da barreira de protección existente, e dado que a OU-212 é de titularidade autonómica e afecta directamente ao ámbito territorial do Concello de Beade, o Concello debe impulsar as xestións necesarias coa Xunta de Galicia para estudar, proxectar e executar a solución”.
En consecuencia, propoñen ao Concello de Beade “iniciar formalmente negociacións coa Xunta de Galicia para estudar a viabilidade dunha actuación no tramo comprendido entre os km 40 e 39” e “solicitar a elaboración dun estudio previo ou proxecto técnico que contemple melloras nas marxes da vía, especialmente no marxe dereito, atendendo a criterios de seguridade, accesibilidade, integración paisaxística e posta en valor do entorno”. Asemade, piden “explorar vías de colaboración institucional e financiamento para levar a cabo a actuación, e dar traslado destes acordos aos organismos autonómicos competentes e informar á cidadanía do avance das xestións”.

















