A Deputación inaugura no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición “Buciños + Buciños”, un diálogo artístico entre pai e fillo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que pese a que o artista naceu en Lugo, escolleu Ourense para vivir e desenvolver a súa traxectoria artística, converténdose nun referente cultural: “Ourense forma parte da súa obra e da súa vida, e Buciños forma parte xa da identidade cultural desta terra”, proclamou

Esta exposición pouco usual e que amosa a capacidade da Deputación para impulsar proxectos culturais singulares estará dispoñible ata o vindeiro 5 de abril

Ourense, 20 de xaneiro de 2026.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde hoxe e ata o vindeiro 5 de abril a exposición “Buciños + Buciños”, unha proposta singular que reúne a obra do escultor Buciños coa do seu fillo, Antón Buciños, nun diálogo interxeracional pouco habitual no ámbito expositivo. A mostra foi inaugurada polo presidente da Deputación, Luis Menor, quen puxo en valor a figura de Buciños como “estandarte imprescindible da escultura galega” e a súa estreita vinculación coa provincia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

No acto, o presidente destacou que, malia nacer na provincia de Lugo, Buciños escolleu Ourense como lugar para vivir e desenvolver a súa traxectoria artística, converténdose nun referente cultural da provincia e de Galicia. “Ourense forma parte da súa obra e da súa vida, e Buciños forma parte xa da identidade cultural desta terra”, sinalou.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


 A Deputación mantén desde hai anos unha ampla relación co escultor, entre a que sobresae a creación da Calpurnia que se entrega aos galardoados do Ourense Film Festival, redeseñada o pasado ano cunha nova peza que actualiza este símbolo do certame. Un exemplo, segundo lembrou Menor, dunha colaboración viva, baseada no respecto e na aposta continuada pola creación.

O presidente provincial quixo subliñar tamén a confianza que Buciños deposita no Centro Cultural Marcos Valcárcel, lembrando que a súa última exposición tivo lugar neste espazo no ano 2020 e que desde entón non quixo expor noutro centro. “Que un creador da súa dimensión escolla esta casa como espazo de referencia é un orgullo para a Deputación”, afirmou.

Sobre a mostra, destacou o seu carácter diferenciador ao reunir a obra de pai e fillo, unha iniciativa “pouco usual, que enriquece a proposta artística e amosa a capacidade da Deputación para impulsar proxectos culturais singulares”. Neste sentido, agradeceu expresamente a participación de Antón Buciños, que “fixo posible ampliar o alcance da exposición e construír un relato compartido”.

O presidente quixo tamén referirse á faceta persoal de Buciños, definíndoo como “un creador xeneroso, próximo, sempre dispoñible e profundamente comprometido con Ourense e con Galicia”.

Finalmente, Menor enmarcou esta exposición dentro da aposta da Deputación pola cultura como eixo estratéxico, cunha programación estable, apoio aos creadores e posta en valor dos espazos culturais provinciais, tendo no Marcos Valcárcel “un centro vivo, aberto e de referencia”.

Aspectos técnicos da exposición

Na obra artística de Buciños predominan as pezas de bronce, pero tamén presenta algúns traballos realizados en madeira e en pedra. Como novidade na exposición que desde hoxe acolle o Centro Cultural Marcos Valcárcel, hai varias figuras que combinan pedra e bronce, contrastando a cor clara da pedra co escuro do bronce (xeralmente abrazándose) e que o artista interpreta como unha chiscadela á emigración e á acollida de persoas procedentes doutras culturas. A obra de Antón Buciños, neste caso, é pintura, óleos sobre lenzo cun marcado carácter abstracto e expresionista onde desenvolve as múltiples combinacións de cores.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------