A Deputación propón en FITUR unha oferta turística anual de Ourense como provincia de ‘refuxio familiar’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense vén de presentar hoxe en Madrid, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), a campaña “Ourense provincia termal, refuxio familiar”, para orientar cara a este segmento, a creación dunha oferta turística multidestino para todo o ano, enriquecendo así o produto de lecer e saúde con carácter desestacionalizador co que conta xa.

A presentación correu a cargo do presidente da Deputación de Ourense, #Luis Menor; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e da subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística, Ilona Shekyants Kazaryan.

“Ourense Provincia Termal, Refuxio Familiar” pretende “captar a atención do segmento familiar, achegándolles propostas orientadas para o goce conxunto e adaptado ás necesidades de todo tipo de familias”, explicou #Luis Menor, quen lembrou que se trata dun segmento que “enriquece a nosa oferta e que nos permite seguir reforzando o noso atractivo como destino durante todo o ano”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ao fío disto, cabe lembrar que os territorios rurais da provincia de Ourense brindan a oportunidade de descubrir comodamente a enorme riqueza natural e patrimonial ourensá, sendo “a mellor maneira de descubrir a esencia do noso territorio”, sinalou o presidente provinicial.

A campaña busca dar a coñecer estas novas propostas que inclúen escapadas para coñecer a natureza e os diferentes centros históricos con declaración de BIC, actividades culturais, deportivas, de orientación e de observación adaptadas para o público infantil, así como diferentes ideas para gozar dos recursos termais do territorio, que son o elemento diferenciador da provincia termal por excelencia.

Desde o tranquilo paseo a pé ou en bicicleta a beiras dos ríos desde un balneario, a visita a Centros de Interpretación singulares como o de San Cibrán das, oteando o Ribeiro, ou o Aquis Querquenae en Bande ás portas do Xurés, as aventuras nos castelos e fortalezas como os de Monterrei ou Castro Caldelas, navegar nun pequeno ecobarco polo Miño…, os plans que nos ofrecen as vilas termais e os cascos histórico-artísticos da provincia son enormemente variados. E tamén adaptados aos intereses de cada familia.

Toda unha viaxe a través do tempo, desde a cultura megalítica ata a romana, pasando pola castrexa e o patrimonio medieval de núcleos como Ribadavia, Allariz ou Pazos de Arenteiro, en Boborás, ata a oferta máis lúdica do Parque Acuático de Monterrei- situado na entrada da Ribeira Sacra-, o complexo deportivo do Corgo, en Muíños, e a perspectiva científica do Universo no Observatorio Astronómico de Trevinca. A nova oferta turística busca poñer en valor a riqueza patrimonial e natural da provincia desde unha proposta moderna, sostible e adaptada á demanda daqueles que viaxan con nenas e nenos.

A Deputación reforza a súa estratexia turística incluíndo ao mercado familiar

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense vén reforzar o seu atractivo turístico mediante a posta en valor de experiencias destinadas ao mercado familiar durante todo o ano, que se unen a outros segmentos, como o turismo senior, o deportivo ou o de camiño de Santiago, a través da promoción da Vía da Prata que continuará vixente durante este 2026.

Esta campaña, lanzada hoxe en Fitur, enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense Colle Velocidade, Vilas Históricas e Termais” que a Deputación de Ourense está a executar coa colaboración de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, financiado con fondos europeos Next Generation, e a xerencia do Inorde. O obxectivo deste proxecto é desenvolver un territorio rural que ten no turismo, e especialmente no termalismo, un piar fundamental de dinamización socioeconómica.

Esta campaña “Ourense Provincia Termal, Refuxio Familiar” promocionarase nas estacións de tren de Alta Velocidade de Chamartín e Alacante e tamén vía en liña a través dunha campaña de márketing dixital segmentada para captar os mercados de proximidade e do mercado interno galego.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------