O PSdeG-PSOE de Punxín solicita un meirande control da posta en funcionamento da fibra óptica no municipio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Punxín defenderá unha moción no vindeiro pleno municipal na que solicita a creación dunha comisión municipal de seguimento da conectividade dixital, con especial atención á instalación de fibra óptica e a mellora da cobertura móbil na parroquia de Vilela. As e os socialistas sinalan que o obxectivo “é asegurar o seguimento das actuacións financiadas con fondos públicos para unha correcta posta en marcha”.

Dende o grupo municipal socialista en Punxín explican que Vilela “carece na actualidade de conexión de fibra óptica, a pesar de existir un proxecto financiado mediante unha subvención pública”. As e os socialistas consideran “imprescindible” que o concello “exerza un control institucional para que os traballos se executen correctamente, sen retrasos nin exclusións de núcleos de poboación”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, destaca que a conectividade dixital “xa non é un luxo, senón un dereito básico para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación, á sanidade, á administración electrónica e ao emprego, especialmente no medio rural”. A edil socialista considera que “a experiencia demostra que, sen un seguimento axeitado, estas actuacións poden quedar incompletas ou mal executadas” e apunta que “non podemos permitir que Vilela volva quedar atrás”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A moción propón a creación dunha comisión municipal específica que supervise o desenvolvemento do proxecto de conectividade, garantindo transparencia, cumprimento de prazos e unha implantación real e efectiva do servizo.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín reiteran o seu compromiso “coa igualdade territorial e coa loita contra a fenda dixital, defendendo que a mellora das telecomunicacións é clave para fixar poboación e asegurar o futuro de Punxín”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------