Ribadavia acolle esta fin de semana a 890 atletas no Campionato Xunta de Galicia de Campo a Través

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia acollerá esta fin de semana unha das citas máis relevantes do calendario atlético galego coa celebración do Memorial Alejandro Lorenzo e do Campionato Xunta de Galicia de Campo a Través Máster, que terán lugar no circuito de A Veronza e reunirán a un total de 890 atletas procedentes de toda Galicia.

A competición inclúe probas das categorías Sub10, Sub12, Sub14 e Máster, combinando deporte base e atletismo veterano nunha xornada que pecha o calendario autonómico de campo a través do ano 2026. A elevada participación e o nivel dos inscritos consolidan Ribadavia como unha das sedes de referencia para este tipo de eventos deportivos.

Entre os participantes figura a presenza de numerosos campións e campioas galegas da pasada edición, así como de atletas máster con destacada traxectoria internacional, incluídos medallistas en campionatos europeos, o que reforza o prestixio da cita e sitúa Ribadavia no foco do atletismo galego e estatal.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Unha vez rematadas as probas das categorías máster, a xornada continuará co Memorial Alejandro Lorenzo, unha competición con máis de 25 anos de historia, vencellada ao atletismo base e ao Campionato Xunta de Galicia das categorías Sub10, Sub12 e Sub14. Esta proba constitúe unha referencia para a promoción do deporte entre os máis novos e forma parte xa da identidade deportiva da vila.

Desde o Concello de Ribadavia destácase o impacto positivo que eventos destas características teñen tanto a nivel deportivo como social e económico, cunha importante afluencia de deportistas, familias e acompañantes durante toda a fin de semana.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “a celebración dunha competición con esta participación e nivel confirma a capacidade de Ribadavia para acoller eventos deportivos de primeiro nivel e pon en valor o traballo realizado nos últimos anos nas instalacións municipais e na organización”.

O Concello quixo tamén agradecer a colaboración da Federación Galega de Atletismo, así como o labor do persoal municipal e do voluntariado, fundamentais para garantir o bo desenvolvemento dunha cita que volve situar Ribadavia como referente do atletismo galego.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------