A Asociación Cultural Eirasenda vén de solicitar da Subdelegación do Goberno de España e da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense a toma de medidas de control en relación coa práctica da caza maior na comarca do Ribeiro.
A través de sendos escritos, este colectivo radicado na Entidade Local Menor de Berán, no municipio de Leiro, fai referencia ás batidas que autoriza a Xunta para caza do xabaril, “que supoñen un risco evidente para a seguridade das persoas, consistentes, entre outras, na colocación de cazadores apostados nas marxes de camiños públicos e estradas interiores asfaltadas; a proximidade excesiva de postos de tiro a vivendas rurais habitadas, en ocasións a distancias inferiores ás legalmente establecidas, e a insuficiente ou inexistente sinalización das zonas de caza e o incumprimento do uso obrigatorio de prendas de alta visibilidade”.
Lembran que “estes camiños e vías son utilizados habitualmente por persoas viandantes, sendeiristas e peregrinos, os cales exercen un dereito de libre tránsito e non teñen obriga legal ningunha de advertir da súa presenza nin de adoptar medidas especiais fronte á actividade cinexética”. Ademais, no escrito advirten que “resulta especialmente preocupante a constatación do consumo de bebidas alcohólicas antes e durante as xornadas de caza por parte dalgúns participantes nas batidas, circunstancia que compromete gravemente a capacidade de manexo seguro de armas de fogo e incrementa de maneira notable o risco de accidentes graves ou mortais”.
Ao respecto, dende Eirasenda apuntan que, “a diferenza do que acontece no ámbito da seguridade viaria, onde se realizan controis preventivos de alcoholemia aos condutores, non se ten constancia da realización sistemática de controis similares ás persoas cazadoras durante o exercicio da actividade, malia tratarse dunha actividade de alto risco que implica o uso de armas”.
En consecuencia, e tomando como base a Lei 13/2013 de Caza de Galicia, solicitan das devanditas Administracións “que se intensifique a vixilancia e inspección das batidas de caza maior que se realizan na comarca do Ribeiro, garantindo o cumprimento estrito das normas de seguridade, sinalización e distancias legais”. Tamén, “que se adopten medidas específicas de control sobre o consumo de alcohol durante as xornadas de caza, incluíndo a realización de controis preventivos de alcoholemia ás persoas cazadoras, en atención ao principio de prevención do risco e á perigosidade inherente ao uso de armas de fogo”.
Finalmente, a asociación que preside Abdón Fernández Torres pide a depuración das “responsabilidades administrativas que procedan no caso de detectarse infraccións da Lei de Caza de Galicia ou da normativa complementaria” e que “se garantan, en todo caso, os dereitos das persoas viandantes e usuarias dos camiños públicos, asegurando unha convivencia segura entre a actividade cinexética e o uso social do medio rural”.
E unha primeira resposta xa veu da Subdelegación do Goberno en Ourense, poñendo en coñecemento de Eirasenda que o escrito presentado foi trasladado á Comandancia da Garda Civil de Ourense “a fin de que se tomen as medidas pertinentes para tratar de solventar a situación descrita”.

















