O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe “o firme apoio” que brinda o Goberno de España ao sector viticultor ourensán, como amosa o pago de axudas directas aos agricultores e gandeiros afectados polos devastadores lumes forestais do 2025. Fíxoo durante unha visita a un viticultor autónomo de Vilamartín de Valdeorras, un municipio que resultou afectado polo incendio orixinado en Larouco, o maior da historia de Galicia.
O subdelegado reuniuse durante a mañá deste venres co viticultor José Luis Rodríguez Ferrer para coñecer as súas inquedanzas e poñerse á disposición do sector para o que precisen, unha vez que xa recibiu unha axuda de 10.000 euros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Eladio Santos agradeceu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, o traballo feito para abonar as axudas nun tempo récord e sen necesidade de solicitalas, sen burocracia. “Unha vez máis, o Goberno de España cumpre co sector primario e con Ourense”, remarcou o subdelegado, que lembrou que o importe abonado aos gandeiros e agricultores de Galicia foi de 4,9 millóns de euros.
Nesta liña, o subdelegado lamentou que os grandes incendios forestais afectaron á produción agrícola, á economía rural e ao traballo de xeracións de familias”. “É imprescindible que todas as Administracións esteamos do lado dos agricultores e gandeiros para que o noso mundo rural teña futuro”, remarcou.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comezou o 3 de decembro a pagar os máis de 27,8 millóns de euros en axudas directas a 9.679 agricultores e gandeiros de toda España. As persoas beneficiarias recibiron a través do seu teléfono móbil o aviso do ingreso da axuda na conta da súa entidade financeira. As contías das subvencións concedidas oscilan entre os 1.500 e 10.000 euros.
O groso das axudas, 21,5 millóns de euros, destínase a 3.446 afectados, para compensar a perda de renda; desta partida, máis de 4 millóns de euros son para Galicia. Os outros 6,3 millóns de euros corresponden á elevación da subvención pola contratación do seguro agrario, ata o 70% do custo da póliza, e recíbeno 6.647 titulares de explotacións que ven cuberto parte do custo do seu seguro agrario; máis de 965.000 euros desta axuda foron para Galicia.
O subdelegado explicou que este investimento se suma aos 3,8 millóns de euros que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible destina ás obras de reparación das principais estradas da provincia afectadas polos lumes forestais e aoscase 9 millóns de euros destinados a subvencións para reparar estradas municipais danadas polo mesmo motivo en toda España, aberta ata o 5 de febreiro. Esta convocatoria, aprobada o 29 de decembro de 2025, está dirixida a concellos, deputacións, consellos insulares, comunidades autónomas uniprovinciais, comarcas e mancomunidades.

















