Medio Ambiente defende as batidas do xabaril no Ribeiro “para minimizar os danos” que causa nos viñedos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climática da Xunta de Galicia, por media da súa Xefatura Territorial en Ourense, vén de respostar ao escrito remitido pola Asociación Cultural Eirasenda no que se solicitaban medidas de control en relación coa práctica da caza maior na comarca do Ribeiro.

Dende a Consellería apuntan “que a comarca do Ribeiro é unha zona que ten unha actividade cinexética notable, pero non excesiva sendo absolutamente necesario o desenvolvemento das batidas do xabaril na zona para manter a poboación desta especie controlada e mesmo tentar reducila co fin de minimizar os danos na actividade principal da comarca que é a vitivinícola (tendo constancia neste departamento de numerosas queixas dos viticultores polos danos que produce o xabaril) e sen esquecer os danos que se producen noutros cultivos”.

En relación coa colocación de cazadores apostados nas marxes de camiños públicos e estradas interiores asfaltadas, respóstase dende o departamento da Xunta “que segundo a Lei de caza os camiños asfaltados, que non son estradas sinalizadas como tales, son lugares nos que os cazadores poden colocarse nun posto e practicar a caza. Polo tanto se os mencionados camiños e estradas, aínda que estean asfaltados, non están sinalizadas como estradas non existe obstáculo para que os cazadores se aposten neles”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Respecto á proximidade excesiva de postos de tiro a vivendas rurais habitadas, sulíñase que “a normativa especifica que os participantes nas cacerías deben respectar as distancias as zonas de seguridade, non podendo situarse a menos de 100 metros en todas as direccións ás zonas habitadas, nin dispar cara a elas”, e, en referencia á sinalización das zonas de caza, dende Medio Ambiente indican que “a Lei de caza non establece a obrigatoriedade de sinalizar os camiños de uso público que se internen na zona onde se está a realizar unha actividade cinexética. Non obstante tense constancia de que a maioría dos cazadores si que levan a cabo a citada sinalización”.

Por outra banda, en canto ao uso obrigatorio de prendas de alta visibilidade, dende a Consellería exponse que “a normativa tampouco obriga a levalas en todas as batidas, unicamente nas de raposo, polo que non se daría o incumprimento denunciado”. E tamén que, en relación co consumo de bebidas alcohólicas durante as xornadas de caza por parte dos participantes, sinalar que os axentes medioambientais unicamente poderían denunciar a un cazador que tivese síntomas evidentes de embriaguez ou diminución clara das súas capacidades por calquera outra substancia”, conclúen dende Medio Ambiente.

Finalmente dende a Xefatura Territorial sinalan que “calquera persoa que observe algún feito que puidera constituír unha infracción da Lei de caza ou calquera outra normativa durante a realización das cacerías pode denuncialas chamando ao número de garda dos axentes medioambientais 682674922 ou a o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------