O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia a desorganización do servizo de obras e limpeza por falta de planificación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Desde o Grupo Municipal Socialista alertan da grave desorganización do servizo de obras e limpeza en Ribadavia, consecuencia directa da falta de xestión e planificación do goberno municipal do PP. Apuntan que, “na actualidade, hai operarios de baixa que non están a ser cubertos, sen recorrer nin á lista de contratación nin ao SEPEG, a pesar de existir mecanismos legais e marxes orzamentarias para facelo. Esta inacción está a provocar unha redución evidente do servizo e un malestar crecente entre a veciñanza”.

Engaden dende o PSdeG-PSOE que “esta situación súmase a falta de persoal de mantemento e obras. Dous albañiles municipais xubiláronse recentemente sen que o goberno local tivese a mínima previsión para cubrir esas prazas, o que está a xerar unha carencia evidente de persoal cualificado para o mantemento, os arranxos e as obras necesarias en todo o concello”. “Unha realidade que -según o grupo socialista- contrasta frontalmente coas promesas realizadas polo alcalde durante a campaña electoral, nas que se comprometía a reforzar os servizos municipais, especialmente nas parroquias. A día de hoxe, esa mellora non só non existe, senón que foi substituída por recortes, improvisación e abandono. Lonxe de reforzar os servizos, estanse desmantelando sen planificación nin respostas, tal e como nos trasladan veciños e veciñas de todo o municipio, así como os propios traballadores, que sofren directamente as consecuencias da falta de previsión na cobertura da plantilla”.

E indican que “a isto engádese o inexistente funcionamento do punto limpo, que agrava aínda máis o problema e converte a limpeza e o mantemento municipal nun caos evitable, se houbese vontade política e unha xestión responsable. Desde o PSOE de Ribadavia defendemos que o noso concello merece servizos públicos dignos, ben xestionados e pensados para dar resposta ás necesidades reais da cidadanía, ao tempo que xeran emprego, fronte á improvisación e ao incumprimento sistemático das promesas electorais”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ribadavia tamén salientan “o esforzo dos traballadores que continúan en activo, que están a triplicar tarefas para cubrir o que non se atende pola falta de persoal: limpeza, obras, desbroces e mantemento, policía local. Mentres isto ocorre, a prioridade deste goberno non é reforzar os servizos públicos, senón malgastar cartos en orquestras e eventos festivos improvisados, deixando á cidadanía sen os recursos que realmente necesita”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------