A Xunta amosa en centros de ensino de Cenlle e de Coles o oficio tradicional da elaboración de pandeiretas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O artesán Xosé Manuel Sanín achegouse ao CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle e ao CEIP Plurilingüe Antonio Faílde, de Coles, participantes do proxecto ‘Artesanía na escola’ promovido pola Xunta en centros de ensino de toda Galicia
  • A Fundación Artesanía de Galicia impulsa dende o ano 2023 este programa de divulgación dos oficios artesanais co que se busca presentarlle aos máis pequenos os oficios artesanais, promover a remuda e poñer en valor o feito á man

Cenlle (Ourense), 4 de febreiro de 2026.- A Xunta achégalle aos escolares de Cenlle e de Coles o seu programa de divulgación dos nosos oficios artesanais, Artesanía na escola. O artesán Xosé Manuel Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) achegouse hoxe ata o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, e posteriormente ao CEIP Plurilingüe Antonio Faílde, de Coles, para falarlle aos alumnos de Primaria sobre a historia das pandeiretas e para amosarlle como se constrúen estes instrumentos tradicionais.

Xosé Manuel Sanín protagoniza Eu son artesán de percusión tradicional, a segunda das unidades didácticas que forman parte do proxecto Artesanía na escola —despois de Eu son zoqueira, protagonizada por Elena Ferro— coa que estivo a traballar estes días o alumnado destes dous centros de ensino da provincia de Lugo e que está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, promover o relevo xeracional nos oficios artesanais.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O programa estrutúrase en unidades didácticas monográficas, centradas en oficios concretos e especialmente nos máis tradicionais, que se envían aos centros en papel e en formato dixital. Cada unidade conta a historia dun artesán ou artesá, permitindo ao alumnado comprender mellor o oficio e, ao mesmo tempo, ofrecer a posibilidade de recibir visitas dos profesionais da artesanía participantes.

A Fundación Artesanía de Galicia acaba de publicar a terceira unidade, Eu son artesán de figuras de pan, dedicada á elaboración dos tradicionais sanandresiños, os amuletos típicos de Santo André de Teixido (Cedeira), a partir da figura do artesán Jorge Bellón. En breve, estas demostracións tamén chegarán aos centros educativos de Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------