Ribadavia consolida o seu crecemento turístico en 2025 e achégase aos 100.000 visitantes anuais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribadavia recibiu preto de 100.000 visitantes ao longo de 2025, segundo a estimación do Concello a partir dos datos da Oficina Municipal de Información Turística (OMIT), que atendeu 19.510 persoas durante o ano, 603 máis ca en 2024. O incremento confirma a consolidación de Ribadavia como destino turístico e unha afluencia repartida ao longo de todo o ano. A media situouse en 53 persoas atendidas ao día e 1.625 ao mes, segundo o balance anual da oficina. A concelleira de Turismo, Yolanda Gómez, destacou que “os datos amosan unha evolución positiva e sostida do turismo en Ribadavia, froito dunha oferta cada vez máis recoñecida e diversificada tanto nas temáticas como nas datas”.

A maior parte das persoas que visitaron Ribadavia foron de Galicia (55%). O resto procederon maioritariamente de Madrid, León, Castela, Andalucía, Euskadi e Cataluña. O turismo internacional representou un 3% do total, con especial presenza de visitantes portugueses. Os meses de maior demanda concentráronse en agosto (2.822 persoas), maio (2.682) e xullo (2.501), aínda que os datos reflicten unha presenza continuada de visitantes durante todo o ano, incluídos os meses de inverno e especialmente os de Nadal, cando pasaron pola OMIT máis de 1.700 persoas. “Cada vez é máis habitual recibir turistas fóra da tempada alta, o que indica que Ribadavia deixou de ser un destino estritamente estacional”, sinalou Gómez.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As Termas de Prexigueiro volveron ser o recurso máis visitado do municipio, con arredor de 65.000 persoas usuarias. Séguenlles o Museo Etnolóxico de Ribadavia (11.481 visitantes), o Museo do Viño de Galicia (6.746) e o Castelo dos Condes de Ribadavia (3.497).

A Oficina de Turismo mantense como un punto clave de atención, aínda que o Concello lembra que só unha de cada cinco persoas visitantes pasa por este servizo, ao empregar cada vez máis ferramentas dixitais para planificar as súas visitas. A información máis demandada polos visitantes céntrase en patrimonio histórico, termalismo, visitas a adegas, rutas de sendeirismo e bicicleta, zonas de baño e gastronomía. O perfil maioritario busca coñecer o conxunto histórico, gozar do viño e das termas, comer nun restaurante con encanto e pasear pola vila sen necesidade de utilizar o coche.

A esta oferta súmase nos últimos anos o atractivo da decoración do Nadal, que está a contribuír a atraer visitantes tamén durante o inverno, especialmente tras o impulso recibido ao gañar Ribadavia en 2024 o concurso de iluminación navideña de Ferrero Rocher.

O Concello destaca a mellora da oferta de aloxamento coa apertura dun hotel con encanto no conxunto histórico e dun hotel rural na Granxa de Outeiro – Francelos, ademais da área de caravanas no antigo Campo da Feira.Asemade, Ribadavia conta tamén cun Plan de Desenvolvemento Turístico, que marca as liñas de actuación para seguir reforzando o peso do turismo como sector estratéxico no municipio.

A concelleira de Turismo, Yolanda Gómez, destacou que “os resultados de 2025 confirman que Ribadavia segue a medrar como destino turístico. Non só aumentou o número de visitantes, senón que o turismo mantense activo ao longo de todo o ano, incluídos os meses de inverno. Estamos a lograr consolidar un modelo baseado no patrimonio, a natureza, o termalismo e o viño, que se completa coa nosa aposta polo Nadal e outros atractivos culturais que manteñen a vila viva durante todo o ano non só para os visitantes, tamén para a veciñanza”. De feito, nestes cálculos non están contabilizadas as miles de persoas que visitan Ribadavia atraídas por grandes citas como a Festa da Istoria, a Feira do Viño do Ribeiro, a Noite Meiga ou a MIT.

“Este incremento é o reflexo do traballo continuo do Concello e da colaboración con todos os sectores implicados no turismo local. O noso obxectivo para 2026 é seguir mellorando a experiencia do visitante e atraer novos perfís de turismo sen perder a calidade e identidade que nos caracteriza”, concluíu Gómez.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------