A Deputación de Ourense vén de adxudicar a obra do aparcamento disuasorio en Pazos de Arenteiro, en Boborás, dentro do Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense coge velocidad, Villas Históricas y Termales”. Esta actuación, que suporá un investimento total de 98.134 euros entre o que é a propia obra e o proxecto técnico, financiados con fondos NextgenerationEU, contribuirá a descarbonizar este casco histórico.
O obxectivo desta obra é fomentar a mobilidade sostible na contorna desta vila, considerada como o único conxunto histórico artístico no rural galego. Por elo, levarase a cabo o acondicionamento dun aparcamento disuasorio que permita reducir o acceso rodado ao núcleo de Pazos, segundo os criterios de accesibilidade e desenvolvemento sostible que procuran unha descarbonización dos cascos históricos.
Con esta medida lógrase reducir o tráfico e as emisións de gases contaminantes no casco histórico, ofrecer solucións de mobilidade activa como zonas peatonais, conservar o patrimonio e mellora da calidade ambiental reducindo o impacto dos contaminantes nas construcións antigas e na saúde dos habitantes. Tamén se fomenta un modelo urbano máis sostible, onde se da prioridade á mobilidade de baixas emisións e incentívase a economía e o turismo sostible ofrecendo unha experiencia máis agradable e saudable aos visitantes, podendo así potenciar a economía local respectando o medio ambiente.
Esta actuación permitirá ordenar o estacionamento reducindo a presión dos vehículos no interior do núcleo, gañando espazo para camiñar e desfrutar da paisaxe e inclúe, ademais, prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. Completarase con alumeado de tipo LED e incorporarase a preinstalación de recarga para vehículos eléctricos e unha illa ecolóxica que ordena e oculta a zona de contedores.
Este PSTD da Deputación, xerenciado polo Inorde, enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE – NextgenerationEU, en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.

















