Desde a Deputación de Ourense, a deputada de Igualdade, Teresa Barge, subliña que este recoñecemento, coincidindo no mes no que se celebra o Día Mundial da Radio, “enmárcase no compromiso firme da institución provincial coa igualdade real e coa posta en valor do talento feminino da provincia”
Ourense, 7 de febreiro de 2026.
A Área de Igualdade da Deputación de Ourense continúa desenvolvendo o programa “8M, Mes a Mes”, unha iniciativa que ao longo do ano visibiliza referentes femininos da provincia en distintos ámbitos profesionais. Neste mes de febreiro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, a institución provincial rende homenaxe ás mulleres que lle dan vida e voz á radio, personificadas na xornalista Montse Estévez Varela, unha das voces máis recoñecidas e queridas da radio ourensá.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde a Deputación de Ourense, a deputada de Igualdade, Teresa Barge, subliña que este recoñecemento “enmárcase no compromiso firme da institución provincial coa igualdade real e coa posta en valor do talento feminino da provincia”. Lembra, ademáis, que o programa “8M, Mes a Mes” busca construír referentes, recoñecer traxectorias inspiradoras e contribuír a unha sociedade máis xusta, diversa e igualitaria e conclúe sinalando que, no caso do recoñecemento deste mes ás voces femininas que informan a través das ondas radiofónicas, “no caso de Montse Estévez é unha voz que acompaña, permanece e se sinte sempre moi preto”.
Con case catro décadas de traxectoria profesional, Montse Estévez representa a esencia da comunicación radiofónica baseada na proximidade, na vocación de servizo público e no compromiso coa audiencia. A súa relación coa radio comezou sendo moi nova, con apenas vinte anos, en Radio Cadena Española —hoxe Radio Nacional de España—, iniciando un percorrido profesional que a levaría posteriormente por emisoras como Radio Minuto, Onda Cero, Radio Voz, Telemiño e, desde hai 25 anos, Radio COPE (Ábside Media), onde continúa exercendo o seu labor.
Ao longo da súa carreira, Estévez Varela destacou non só pola súa profesionalidade, senón tamén polos valores humanos que sempre imprimiu ao seu traballo: compañeirismo, respecto e unha fonda conexión co oínte. A súa traxectoria é exemplo de constancia e vocación, e amosa como a radio segue a ser un espazo de encontro e acompañamento para a sociedade.

















