O carballiñés e ex-Fiscal Superior de Galicia Carlos Varela ofrece aos lectores de Badalnovas este artigo:
O presidente do Goberno anunciou a tramitación dun proxecto de lei para protexer os menores nos contornos dixitais. A normativa proposta contempla a prohibición de acceso as redes sociais a menores de 16 anos, obrigando as plataformas dixitais a implementar sistemas efectivos de verificación de idade. Con arranxo a este proxecto, nin sequera os menores desa idade poderán abrir contas coa autorización dos seus proxenitores.
Este panorama, apenas esbozado, permite albiscar unha nova etapa regulatoria internacional orientada á protección dos nenos e adolescentes motivada pola penetración de internet e das súas plataformas na vida cotiá dos mais novos, desempeñando un papel importante nas súas vidas como medio de relación e de construción da súa identidade mediante a autoexpresión e interacción virtual.
En Estados Unidos, por exemplo, a nova onda regulatoria para protexer os menores en internet produciuse a partir de 2022, quizais propiciada polo escándalo que no ano 2021 salpicou a Facebook, cando The Wall Street Journal revelou que o xigante americano tiña informes internos evidenciando que Instagram producía ansiedade e depresión entre moitas das súas usuarias máis novas, e a compañía non tomara medidas para evitalo.
A diferenza de Australia, que prohibiu o uso de redes sociais a menores de 16 anos, a lexislación brasileira, que entrará en vigor a partir de marzo de 2026, non impide o acceso, senón que impón medidas para garantir unha maior seguridade. Entre elas atópanse a verificación obrigatoria de idade para os usuarios, a vinculación das contas de menores de 16 anos aos perfís dos seus titores e a creación dun centro de recepción de denuncias. Asemade considerouse que as tendas de aplicacións, as plataformas e os sistemas operativos móbiles serán responsables de garantir a protección en liña da nenez e a adolescencia.
Tendo en conta que os adolescentes pasan unha media de catro horas conectados ás redes sociais non sorprende o papel importante que estas desempeñan nas súas vidas e como lles afectan os seus contidos. Porén dos impactos positivos, existen impactos negativos na vida dos adolescentes como a dependencia desta tecnoloxía e a súa relación con distintas patoloxías (mudanzas de humor, nerviosismo, agresividade, fascinación, crises ansiosas, falta de atención debida ao mundo exterior ou redución de contactos cos amigos máis próximos), ademais do perigo de sobreexposición a contidos non adecuados e vulneración da intimidade.
Unha das dificultades técnicas a abordar na nova lei será a relativa aos «Mecanismos de Verificación de Idade” para o acceso a contidos, produtos e servizos prohibidos a nenos, nenas e adolescentes.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Búscase garantir previsibilidade, seguridade xurídica e condicións concretas para o cumprimento da normativa por parte dos diferentes axentes do ecosistema dixital. Neste cometido sería de interese recoller perspectivas de diferentes sectores da sociedade sobre como implementar mecanismos de protección que equilibren a seguridade dos nenos e adolescentes no contorno dixital coa preservación da privacidade dos usuarios, evitando fugas de datos ou uso indebido de información persoal. Un proceso de consulta debe involucrar empresas tecnolóxicas, asociacións do sector, organizacións da sociedade civil, institucións académicas, organismos públicos e cidadáns.
Simplemente declarar a idade «son maior de 18 anos» non é suficiente en situacións de risco. Debe haber consenso sobre a definición do nivel de risco de cada aplicación ou plataforma para adoptar un método máis flexible ou máis rigoroso segundo o risco que representen. Por exemplo, un foro para adultos necesitaría un proceso de verificación máis rigoroso que un sitio web de receitas. Tamén debe resolverse quen debe proporcionar a solución de verificación de idade, se unha entidade pública (Estado) ou privada (empresas, familias).
A causa da protección dos menores en internet é e será sempre unha causa aberta. O esforzo que se constata desde 2018 por parte de lexisladores de todo o mundo para adaptar os ordenamentos xurídicos ao novo contexto dixital e protexer máis eficazmente aos menores resulta un gran avance.
Queda por ver se os poderes fácticos que representan as grandes plataformas globais de internet se suman ao devandito esforzo na construción dunha Internet máis segura para os máis novos, aínda que iso implique unha diminución na súa conta de resultados.
Outros artigos de Carlos Varela:
A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “A Intelixencia Artificial vai ás urnas”
A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Noticias falsas: o poder das mentiras”
Carlos Varela García :
- Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. (promoción 1974-1979)
- Ingresou, por oposición, na carreira Fiscal en maio de 1.985
- Comezou seu exercicio profesional na Fiscalía de Vigo, onde foi Fiscal de protección de menores e de delitos económicos.
- Fiscal Superior de Galicia desde xuño de 2004 a marzo de 2015
- Na actualidade é fiscal no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
DISTINCIÓNS :
- Premio Lois Peña Novo polo uso profesional do galego
(2001) - Fillo adoptivo de Cangas do Morrazo (2009)
- Premio Dolores Llopiz do Colexio Oficial de Psicólogos de
Galicia (2010) - Premio Freire Carril da Asociación Agromadas de Seixalvo (2013)
- Premio Cereixa de Ouro da parroquia viguesa de Beade
(2013) - Premio Arenteira do Carballiño (2014)
- Premio Agradecemento da Asociación Daravelo de Cangas
(2019)
Esta é unha pequena relación de distincións. Cabe destacar a firme defensa do uso da lingua galega no ámbito xurídico e público levada a cabo por Carlos Varela durante o seu exercicio profesional. Esta postura, fundamentada no marco legal, foi recoñecida de forma expresa polo Tribunal Supremo, que no seu día felicitou ao entón Fiscal Superior de Galicia pola presentación dun recurso escrito en galego, valorando tanto a lexitimidade como o rigor xurídico do mesmo ( https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/09/28/span-langgl-tribunal-supremo-felicita-ao-fiscal-carlos-varela-recurso-escrito-galegospan/00031632848628980364346.htm )
Este feito non só subliña o seu compromiso cos dereitos lingüísticos e a identidade cultural de Galicia, senón que tamén evidencia un profundo coñecemento da legalidade vixente e unha destacable valentía profesional na defensa de principios fundamentais.

















