As cidades termais europeas felicitan a Manuel Baltar por “abrir un novo marco de cooperación con Nacións Unidas” tras o congreso mundial de termalismo de Ourense

Os membros do Consello da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais destacaron “a idea, planificación e execución” do encontro celebrado en setembro pasado, e que servirá de base para a organización do congreso internacional de 2023 na cidade francesa de Nancy

O presidente da EHTTA e da Deputación de Ourense agradeceu a felicitación e recoñeceu o interese dos membros do Consello “por seguir profundando nas excelencias do termalismo, sobre todo nesta etapa de pospandemia, e con novos retos que o termalismo europeo non vai desaproveitar”

AVANTAR ACTIVIDADES

Para Manuel Baltar, a continuidade do congreso en Francia “visibiliza o termalismo como un importante nicho de turismo, ademais de reforzar a capacidade de traballo en rede e a imaxe dos 51 sitios termais da asociación

Ourense, 20 de xaneiro de 2022.- O Consello da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais -EHTTA, polas súas siglas en inglés-, reunido hoxe en París, felicitou ao presidente da entidade e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, por “abrir un novo marco de cooperación con Nacións Unidas”, tras a celebración do Congreso Internacional de Turismo Termal, que a finais de setembro do pasado ano reuniu na cidade ourensá a representantes de 17 países nunha cita organizada pola EHTTA, co apoio da Deputación e a Xunta de Galicia e baixo o amparo da Organización Mundial do Turismo (OMT). Un encontro do que os membros do Consello destacaron “a idea, planificación e execución”.

Esta nova liña de colaboración non só terá a súa continuidade coa edición conxunta de publicacións entre a asociación e a OMT, senón que se verá reforzada coa organización do congreso internacional de termalismo de 2023 na cidade francesa de Nancy, utilizando incluso a mesma imaxe que no encontro celebrado en Ourense.

Manuel Baltar, agradecido por esta felicitación, quixo subliñar o recoñecemento aos membros do Consello “polo interese demostrando á hora de seguir profundando nas excelencias do termalismo, sobre todo nesta etapa de pospandemia, e con novos retos que o termalismo europeo non vai desaproveitar”.

Para Manuel Baltar, a continuidade do congreso en Nancy con todas as características do celebrado en Ourense “referenda o proxecto que iniciamos con Nacións Unidas, visibilizando o termalismo como un importante nicho de turismo, ademais de reforzar a capacidade de traballo en rede e a imaxe dos 51 sitios termais e 19 países –uno máis tras a incorporación hoxe de Romanía- que tamén formamos parte dos roteiros culturais europeas do Consello de Europa”.

O presidente da Deputación e da EHTTA, que cualificou esta primeira reunión do ano como “moi frutífera”, apuntou que 2023 comeza “con moitos proxectos en carteira, entre eles a preparación da reunión internacional prevista para 2024 na cidade norteamericana de Saratoga Springs, pertencente ao estado de Nova York e cunha gran tradición na cultura da saúde e o benestar. Unha cita, aprazada no seu momento como consecuencia da pandemia, “que nos permitirá achegar ao público norteamericano as bondades do termalismo europeo”.

Ourense, provincia turística e destino MICE

En clave provincial, o presidente da Deputación sinalou que o recoñecemento da EHTTA ao traballo realizado en Ourense “encaixa perfectamente co noso produto turístico de destino MICE, que acabamos de presentar en Fitur”. A capacidade para atraer congresos, seminarios ou exposicións cun catálogo de espazos destacados e un buscador dixital, ferramentas que o Inorde pon ao dispor dos visitantes, “fai que aumente a imaxe de Ourense como provincia turística, como a mellor conectada como ningunha outra de Galicia con Madrid grazas ao AVE e coa nosa condición internacional como veciños de Portugal”, apuntou Manuel Baltar. Unhas características, engadiu, “que fortalecerán o potencial termal do noso territorio e ao que seguirán novos fitos como o futuro gran hotel balneario Auria no Pazo Provincial”.