O Concello de Boborás construirá a primeira pista de pádel municipal cun investimento total de 49.860,70 euros. A actuación contará cunha achega da Xunta de Galicia de 34.902,49 euros, correspondente ao 70 % do investimento, mentres que o Concello de Boborás achegará os 14.958,21 euros restantes, asumindo o 30 % de cofinanciamento local.
A nova infraestrutura situarase no entorno do pavillón polideportivo municipal, na rúa Evaristo Riande, reforzando unha zona na que xa se concentran boa parte dos equipamentos públicos, deportivos e de lecer da capitalidade.
En concreto, a pista estará situada entre o pavillón municipal e a actual pista multideporte exterior, nun espazo no que tamén se atopan as piscinas municipais, o parque infantil, a zona de calistenia, o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, o edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas, o aparcadoiro público e, nas proximidades, o futuro centro de saúde.
A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, destaca que esta actuación responde á vontade do Concello de “seguir ampliando e diversificando os servizos que ofrecemos á veciñanza, tamén no ámbito deportivo e do lecer, incorporando instalacións que teñen demanda e que permiten fomentar hábitos de vida saudables entre persoas de diferentes idades”.
O proxecto contempla unha pista homologada de 20 por 10 metros, descuberta, con céspede sintético e iluminación propia mediante oito focos LED, cumprindo coa normativa aplicable ás instalacións deportivas.
A nova instalación permitirá non só a práctica do pádel, senón tamén doutras modalidades relacionadas co xogo con rede, como pickleball, bádminton, touchtennis, fútbol-tenis ou vóley-pádel, ampliando deste xeito as posibilidades de utilización do equipamento.
Desde o Concello incídese especialmente na elección da localización, xa que permitirá aproveitar os vestiarios recentemente reformados do pavillón, desenvolver no futuro actividades para o alumnado do CEIP de Xuvencos e combinar o uso da pista coas piscinas, a pista multideporte ou a zona de calistenia. A proximidade do aparcadoiro e da N-541 facilita tamén o acceso tanto á veciñanza de Boborás como a usuarios doutros municipios próximos.
A actuación busca ademais dar resposta á demanda existente deste deporte e contribuír á promoción da actividade física, á loita contra o sedentarismo e á creación de novos espazos de convivencia e encontro interxeracional.
O proxecto establece un prazo de execución de dous meses.
Esta primeira actuación será, ademais, o inicio dun proxecto máis amplo para configurar en Boborás un espazo específico para a práctica do pádel. A intención do Concello é acometer posteriormente a construción dunha segunda pista contigua á primeira, previsión que xa se contempla na ordenación do espazo.
Nunha fase posterior, o Concello pretende tamén cubrir conxuntamente ambas pistas, co obxectivo de ampliar as posibilidades de uso durante todo o ano e reducir a dependencia das condicións meteorolóxicas. O proxecto técnico da primeira pista xa prevé a posibilidade dunha futura semicubrición da instalación.
Así mesmo, a planificación municipal inclúe a futura implantación dun sistema automatizado de acceso e reserva, que permita unha utilización máis autónoma e flexible das pistas, facilitando a xestión dos horarios e o acceso das persoas usuarias.
“Non queremos quedar nunha actuación illada. Esta primeira pista é o punto de partida. A nosa intención é construír unha segunda pista, cubrir posteriormente ambas e implantar un sistema automatizado de acceso que permita dispoñer dunhas instalacións modernas, funcionais e cunha xestión cómoda para a veciñanza”, sinala a alcaldesa.










