As ‘Residencias Paraíso’ voltan na súa 10ª edición a Ribadavia na programación da MIT

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por décimo ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e as artes vivas de creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio.

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

O programa Residencias Paraíso 2026 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM, para anunciar no mes de abril os proxectos seleccionados. As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta desde hoxe, 16 de febreiro, até o 8 de marzo. A comisión terá en conta a integridade artística da proposta, o seu grao de madurez e solidez, a relación co territorio e as prácticas de programación expandida que poidan acompañar a estancia durante a residencia.

Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de 25.000€ e acollerá ata 10 propostas en residencia, 2 máis que na súa pasada edición,cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.

Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM, que neste 2026 terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

Residencias Paraíso, do Colectivo RPM, é un programa nacido para acompañar procesos de investigación e creación arredor das artes vivas contemporáneas. A súa vontade é situar o concepto de residencia artística como unha ferramenta clave no desenvolvemento das políticas culturais en Galicia, poñendo no centro a práctica artística e protexendo as condicións necesarias para o desenvolvemento de proxectos de investigación e creación.

Un dos principais valores do programa Residencias Paraíso reside na súa rede de alianzas, estendida de norte a sur do territorio galego e conformada por espazos de natureza diversa, desde teatros e centros culturais até espazos non convencionais. Esta pluralidade facilita a acollida das distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación e a escritura até o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou as residencias de carácter técnico.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------