O PSdeG-PSOE de Beade alerta de que a falla de previsión do goberno autonómico para cubrir a baixa por vacacións da facultativa que presta servizo no municipio, obrigará á veciñanza a desprazarse ata Leiro para poder recibir atención sanitaria ata despois das festas. Os e as socialistas consideran que nunha poboación envellecida como a do municipio a situación supón un “severo” varapau para á veciñanza, que se verá obrigada a ter que pagar un taxi para poder acudir ao médico, no caso de non ter coche propio.
Dende o grupo municipal socialista afirman que “estamos ante unha situación idéntica a que aconteceu no verán, polo que non entendemos a ausencia de previsión por parte do Sergas para enviar outro facultativo que cubra as vacacións da titular”. Entrando nunhas datas nas que aumentan as reunións familiares e baixan as temperaturas, co risco de aumento das enfermidades, os e as socialistas consideran “inadmisible” que se produza esta situación.
A voceira do PSdeG-PSOE en Beade, Carmen Rama Cotelo, fai fincapé en que o centro de saúde de Leiro e os seus facultativos “non teñen capacidade dabondo para poder dar servizo médico aos habitantes dos dous concellos”, xa que tal e como apunta “xa o vimos no verán, cando o centro de saúde colapsou ante a demanda de atención médica por parte da veciñanza de ámbolos municipios”. A edil socialista subliña que a xerencia sanitaria de Ourense e o Sergas “deben contemplar estes casos, xa que as vacacións son un dereito de calquera traballadora, e polo tanto, deben prever estas ausencias coa chegada de facultativos substitutos”.
Rama Cotelo critica que o alcalde do PP, Fernando Taboada, “está máis preocupado de aprobarse unha nómina e unha dedicación exclusiva parcial, que de loitar pola veciñanza de Beade e reivindicar uns servizos sanitarios dignos e eficientes”. A edil socialista tamén apunta a que o rexedor “colgou o aviso da falta de médico onte pola noite, con nocturnidade e aleivosía, intentando agochar a súa nefasta xestión ao fronte do concello a hora de loitar polos intereses de Beade”.
Os e as socialistas de Beade acusan a Fernando Taboada de ser un colaborador “necesario” da xerencia sanitaria de Ourense para iniciar o “desmantelamento” de servizos en Beade e alertan que “este é o primeiro paso para ir pouco a pouco eliminando a asistencia médica no noso municipio, xa que segue o mesmo modus operandi do acontecido coa escola, hoxe pechada”. Dende o PSOE de Beade instan ao concello a “defender os intereses da veciñanza, en lugar de metela en coidados paliativos a base de abandono e desleixo”.