O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, organiza mañá o Gran Desfile de Entroido, unha das datas festivas máis esperadas pola veciñanza. Polas rúas da vila desfilarán preto de 1.200 persoas entre os integrantes das comparsas e das agrupacións musicais participantes.
O Carballiño prepárase para acoller mañá a miles de visitantes na xornada central do ‘Entroido 2026’, que abrirá ás 16,45 horas a batucada Percucar do Conservatorio Profesional de Música, cun percorrido polas rúas da vila, antes do inicio, previsto para as 17,00 horas, do gran desfile-concurso de comparsas.
O desfile partirá da rúa Otero Pedrayo e continuará pola avenida Conde Vallellano, rotonda da Alameda, avenida Julio Rodríguez Soto, rúa Calvo Sotelo e rúa Tomás María Mosquera para rematar na Praza Maior, que será escenario dende as 19,00 horas dunha animada verbena a cargo do grupo Noria.
Un total de 15 comparsas son candidatas a levarse os oito premios da Concellería de Cultura, que repartirá preto de 8.000 euros entre as agrupacións gañadoras. O fallo do xurado darase a coñecer durante a actuación musical. A Concellería de Cultura otorgará oito premios en metálico de 1.300, 1.000, 800, 400, 350, 300, 250 e 200 euros ás oito mellores agrupacións. Ademais, as cinco primeiras comparsas gañadoras contarán cun incremento de 250 euros sempre que participen no desfile da ‘Festa da Cachucha’ o vindeiro domingo 22 de febreiro. Tamén se fará entrega de 12 accésits de 120 euros ás comparsas que non acaden ningún dos premios anteriores.
Entre outros puntos, o xurado valorará a orixinalidade, a posta en escena, a empatía co disfrace, o acompañamento musical, o disfrace e maquillaxe, a coreografía ou o número de compoñentes da agrupación. Por outra banda, as propias comparsas deberán votar á mellor agrupación, que recibirá un premio especial de 300 euros.
Dende o Concello carballiñés apúntase que as comparsas que teñan vehículos de mobilidade reducida e carrozas, por seguridade de todos, deberán cumprir coas instrucións indicadas pola organización e a Policía Local para que o desfile transcorra sen incidentes. A organización non se fai responsable do que poida derivarse da infracción desta orde.

















