O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asinaron hoxe o protocolo de colaboración para impulsar a mellora e modernización das prazas de abastos da provincia co fin de potenciar a súa actividade e dinamizar a economía local. Deste xeito, ambas entidades sentan as bases para establecer convenios de colaboración con cada un dos concellos da provincia interesados na mellora da praza de abastos do seu territorio.
Estes mercados, especificou o conselleiro, deberán cumprir os requisitos previamente establecidos para obter o recoñecemento de excelencia e tamén contar cunha diagnose de situación e usos do mercado, así como co correspondente proxecto de reforma. Neste sentido, sinalou que na provincia ourensá hai varios mercados que poderían ser obxecto desta colaboración. Entre eles, o de Xinzo da Limia, onde se están a acometer melloras co apoio dos gobernos autonómico, provincial e municipal e que o conselleiro e o presidente da Deputación visitaron recentemente para poñer en valor este modelo de colaboración.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Tamén puxo como exemplo, entre outros, os mercados de Ribadavia ou Carballiño, ambos con diagnose realizada a prol de acadar a excelencia. Ademais, referiuse á Praza de Abastos nº 1 de Ourense sobre a que subliñou que a Xunta e Deputación seguen coa man tendida ao Concello para cofinanciar xunto aos praceiros a súa recuperación.
Nesta liña, o documento asinado hoxe na Deputación de Ourense —nun acto ao que tamén asistiron delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén— é o punto de partida para establecer convenios de colaboración cos municipios interesados e que cumpran as condicións previamente establecidas para obter o recoñecemento de excelencia. Así, do orzamento consignado en cada convenio, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará o 70 %, a Deputación de Ourense o 20 % e os concellos o 10 % restante.
Deste xeito, subliñou José González, o Goberno galego busca potenciar un modelo de cooperación interinstitucional que corresponda todo o que aportan e poden aportar as prazas de abastos ao comercio local e que sempre atenda ás tendencias e á realidade deste sector.
Outros apoios autonómicos
Ademais, o conselleiro lembrou que o apoio aos mercados de abastos como espazos clave na comercialización de produto de calidade e fresco e no comercio de proximidade, está recollido no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025–2030. De feito, nesta folla de ruta enmárcanse as achegas para dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como mercados excelentes, ás que na convocatoria deste ano se destinan preto de 2,3 M€.
Outra actuación neste eido e, dentro do papel da Xunta como Administración facilitadora, é a actualización e simplificación dos trámites para a obtención e renovación do selo, co fin de acadar 10 prazas certificadas este ano e 25 no 2030. Este selo -cunha imaxe renovada ao abeiro da nova marca de Comercio Galego- distingue ás prazas exemplares e propicia que outras sigan este camiño.

















